O Supremo ordena devolver o Conde de Fenosa da Coruña ao seu estado orixinal

Edificio Conde de Fenosa na Coruña © Concello da Coruña

O Tribunal Supremo vén de ordenar devolver o edificio Conde de Fenosa ao seu estado orixinal e incide no conflito que na Coruña vén herdado desde hai case vinte anos. O alto tribunal anula agora dous ditames do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de principios do pasado ano nos que se daba un prazo de seis meses á administración local para presentar o proxecto para a derruba e rehabilitación do inmoble logo de que tanto o Concello como a comunidade de propietarios solicitasen suspender a execución da sentenza ata que non se pronunciasen o Constitucional e o alto tribunal galego.

As medidas previstas para non ter que demoler todo o declarado ilegal parecerían agora máis difíciles -case dúas décadas despois dunha decisión do antigo executivo de Francisco Vázquez-, aínda que desde María Pita son máis optimistas e advirten que esta sentenza do Supremo non altera a súa "folla de ruta" nin ao acordo municipal de outubro de 2015 para a legalización e demolición parcial, "e en base o cal o TSXG tramita, a solicitude do Concello, un incidente de inexecución por imposibilidade legal".

O Supremo vén de ordenar devolver o inmoble ao seu estado orixinal e anula dous ditames do TSXG

O Supremo ordena volver atrás e cumprir coa sentenza de 2001 -ratificada por este mesmo tribunal- e que "prosiga a execución desta nos seus propios termos mediante a demolición das obras de rehabilitación executadas ao abeiro da licenza municipal anulada no devandito ditame para que o edificio en cuesitón quede na situación na que se atopaba antes do outorgamento daquela".

O Supremo asegura, ademais, que "non procede actuación administrativa ningunha cuxa finalidade sexa eludir o cumprimento da indicada sentenza pronunciada pola Sala de instancia con data de 20 de decembro de 2001". E indica tamén que esa sentenza continúa, quince anos despois, "sen ter sido cumprida nos seus propios termos, como marca a Lei, debido aos distintos incidentes promovidos pola propia administración municipal obrigada ao cumprimento desta". 

"Non procede actuación administrativa ningunha cuxa finalidade sexa eludir o cumprimento da indicada sentenza de 2001", di o Supremo

O TS advirte que o TSXG non cumpre a Lei ao declarar que a demolición non debe ter como resultado a restitución do edificio ao estado anterior á súa rehabilitación, "malia que a licenza de rehabilitación foi anulada por aquela vella sentenza firme de 20 de decembro de 2001 na que, ademais, ordenouse expresamente a demolición das obras amparadas nela". "E, até o de agora, non prosperaron ningún dos incidentes formulados pola imposiblidade legal nin material de executala", insiste. 

Con esta sentenza do Supremo, queda agora no aire o proxecto do Concello da Coruña coa que intenta devolver o inmoble á legalidade cunhas obras de reforma que eviten o derrubamento esixido completo. A administración local aspira a que se declare a imposibilidade legal de execución da sentenza que no ano 2001 ordenaba a demolición.

O Concello aclara que este ditame do Supremo non afecta á súa "folla de ruta" e confía na alternativa á demolición completa

No entanto, o goberno municipal asegurou xa que "seguirá adiante" coa súa "folla de ruta" para evitar a derruba total do inmoble e "dentro do cumprimento da legalidade". Segundo o equipo de goberno, esta última sentenza do Supremo "non afecta ao acordo municipal aprobado en outubro de 2015 pola Xunta de Goberno Local, de legalización e demolición parcial, e en base o cal o TSXG tramita, a solicitude do Concello, un incidente de inexecución por imposibilidade legal".

A resolución, desestimando a pretensión do demandante -e segundo o Concello- "non impide a vía da legalización acordada como alternativa á execución da sentenza e á demolición do inmoble para repoñelo ao seu estado inicial". 

Edificio Conde de Fenosa na Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.