No ano 2010 a Xunta celebráronse oposicións ao Corpo Superior da Administración da Xunta por quenda libre, que foran convocadas no ano 2008. Dúas das participantes no proceso selectivo recorreron o seu resultado. Inicialmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón á Administración autonómica no proceso, se ben o Tribunal Supremo vén de revogar as sentenzas do TSXG, concluíndo que parte dos exames de oposición, nomeadamente as probas prácticas, foron corrixidos sen criterios "obxectivos", o que provoca que o Goberno galego sexa condenado a unha nova valoración das aspirantes.
A máis recente das dúas sentenzas, difundidas polo sindicato CSI-F, explica que "os criterios de corrección e puntuación do exercicio teórico" que se incluía na proba recorrida "estaban ben definidos e permiten contrastar claramente a valoración efectuada". No entanto, para a parte práctica o tribunal alude a un "guión" elaborado por el mesmo como criterio para a corrección. "Ese guión -di o Supremo- non figura no expediente, non foi recollido nas actas nin foi posto de manifesto como consecuencia das impugnacións" malia tratarse da base para a corrección dunha "proba decisiva".
O alto tribunal ve "evidente" que, "en ausencia do guión que se di elaborado polo tribunal", a actividade cualificatoria "escapa a todo tipo de control", mesmo ao da propia Xustiza. "Do contido das actas" que avaliaron os exercicios, abonda, "non se pode tirar unha valoración razoada das puntuacións outorgadas nin dunha corrección en termos de adecuación aos criterios establecidos polo tribunal", xa que estes son descoñecidos tanto por quen se examina como polo TSXG e polo TS.
O Supremo subliña a "ausencia de criterios obxectivos" sobre a avaliación da proba práctica, polo que a actividade do tribunal "escapa a todo tipo de control"
Nun sentido semellante, a anterior sentenza chega a ver "indefensa" a opositora que formulou o recurso. Deuse, subliña, unha "ausencia de criterios obxectivos sobre a solución acordada polo tribunal cualificador" a partir do "guión que o propio tribunal di que aplica". Ignórase, debulla, o xeito en que se calcula "a puntuación media, a aplicación criteria dos criterios de corrección a cada exame" ou "unhas mínimas xustificacións ou razoamentos que permitan coñecer os motivos que levaron os membros do tribunal a dar as notas do exame".
Neste escenario, no primeiro caso a Xunta deberá cualificar de novo o exame, "deixando constancia do contido do guión elaborado" para a corrección e "especificando a puntuación que se outorga en cada unha das probas". Para a segunda opositora o Supremo ordena tamén unha nova valoración e, ademais, admite a realización dunha "proba pericial" para "acreditar que o tribunal incorreu en erro ou arbitrariedade", proba que previamente se lle negara á opositora. No caso de resultaren aprobadas no exame realizado, estas persoas obterían o posto na Administración, pero non substituíndo a quen resultaron aprobados inicialmente.
A Xunta subliña que o Supremo só obriga a "motivar máis a contestación á reclamación" de quen recorreron o resultado da proba
Unha vez divulgadas estas sentenzas por parte de CSI-F a Consellería de Facenda subliña que o proceso selectivo cuestionado "concluíu con normalidade e sen incidencias", alén dun "pronunciamento do Tribunal Supremo en relación coa reclamación dun aspirante que recibiu unha nota dun '0' nunha proba e que reclamou contra esa nota". O Supremo, argumenta a Xunta, "obriga a motivar máis a contestación á reclamación", pero "a efectos prácticos non supón a anulación da proba" nin "afecta á resolución dese proceso selectivo", polo que "a Xunta procederá a ditar a correspondente resolución completando a resposta á reclamación presentada polo aspirante".
"Observador da legalidade"
Dende o sindicato, pola súa banda, ven neste episodio unha mostra da necesidade de crear a "figura do observador da legalidade" que, "nomeado polas organizacións sindicais máis representativas da función pública galega", non formaría parte dos tribunais das oposicións pero "participaría, con voz e sen voto", no "control da avaliación". Algunhas administracións, resalta CSI-F, xa teñen implantada esta figura "para garantir a legalidade e bo desenvolvemento dos procesos", polo que "dificilmente a cidadanía entendería que o goberno galego se negase á súa implantación", máis aínda "á vista das sentenzas do Supremo".
Facenda, pola súa banda, abéirase no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para subliñar que esta norma "prohibe a presenza de representantes das organizacións sindicais nos órganos de selección". O Goberno galego "lembra" ademias que "o EBEP foi apoiado por varias organizacións sindicais, entre elas CSI-F".