Dende pouco despois da súa saída da cadea o exbanqueiro Mario Conde, agora detido pola presunta repatriación dos cartos supostamente roubados de Banesto, cultivou unha imaxe de intensidade intelectual. De cando en vez concedía entrevistas a medios diversos que as máis das veces desembocaban en diatribas contra os políticos ou receitas para amañar o sistema financeiro, entre outras. Moitos deses encontros tiñan como escenario a Casa Grande da Cerca, un pazo situado na parroquia de Chaguazoso, no concello ourensán da Mezquita, que acabou ligando a quen foi estrela das finanzas españolas coa familia Baltar.
Tal e como ten relatado a xornalista Cristina Huete no xornal El País, Conde iniciou o seu particular retiro ourensán arredor de 2009, cando aínda estaba en liberdade condicional. Daquela a Xunta seguía promocionando o pazo a través de Turgalicia como casa de turismo rural. Non en van, na década anterior o edificio fora restaurado con esta finalidade, como tantos outros por todo o país, grazas ás subvencións do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Segundo o portal especializado Hosteltur, a restauración custou case 490.000 euros, dos que uns 120.000 saíron das arcas autonómicas.
Nalgunhas das fotografías do exbanqueiro metido a político e a azoute dos poderosos para a prensa podíase observar, ao carón da porta do pazo, unha placa con adornos dourados. É a testemuña de que os traballos de rehabilitación foron inaugurados na pasada década polo daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, que no acto puxo a Casa Grande da Cerca como "exemplo de edificación rural de alto nivel" e de "esforzo" dos seus propietarios. As gabanzas de don Manuel non ían dirixidas a Conde, senón a Gabriel Caldelas extenente de alcalde do Concello e pai de María José Caldelas, elixida deputada do PPdeG por Ourense en 2001 e casada con José Manuel Baltar en 2007 nunha cerimonia celebrada, precisamente, no pazo de Chaguazoso.
Mentres Conde gozaba do pazo, rehabilitado con fondos europeos, Turgalicia seguiuno ofertando como casa rural
Mentres todo isto sucedía Turgalicia e multitude de espazos de turismo rural seguiron ofrecendo prazas na casa por entre 75 e 120 euros por pasar unha noite nun dos seus sete cuartos e gozar das catro hectáreas de terreo que a circundan. No entanto, os turistas que quixesen achegarse á casa tíñano realmente difícil. Nunca había prazas ou, simplemente, indicábase a quen chamase que se trabucara de número, ou ninguén respondía ao teléfono. A explicación 'oficial', ofrecida por Caldelas ao Faro de Vigo en 2012, cando Conde xa proxectaba ser candidato á Xunta por SCD, era que lle tiña a antiga reitoral alugada a unha empresa do exbanqueiro, Bernaclas S.L. "Creo que Conde alquila habitaciones a trabajadores de esa empresa", indicaba o empresario. Na mesma liña, dende o pazo asegurouse a Economía Digital que o pazo estaba "aberto".
O edificio era propiedade do sogro de José Manuel Baltar e foi rexistrado este luns tras a detención do exbanqueiro
Este particular alugueiro sería o xeito de salvar a condición imposta para captar o devandito financiamento da UE: o pazo tería que estar dispoñible como aloxamento rural para o público en xeral durante quince anos, isto é, ata o pasado 2015. A operación, indicaba aquela información do diario vigués, tratábase dunha caste de arrendamento con opción a compra pactado por 75.000 euros trimestrais ata sumar 1,8 millóns de euros polos que a propiedade pasaría do sogro do barón do PP ourensán ao antigo presidente de Banesto.
Pouco antes de que expirase o prazo de década e media, a finais de 2014, Turgalicia retirou a Casa Grande da Cerca da súa oferta turística e o pazo continuou como escenario do "retiro" e as reflexións de Conde. Este luns volveu abrir as súas portas, pero para que entrasen os axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil á procura de probas do retorno dende Suíza do diñeiro presuntamente roubado en Banesto.