En novembro de 1947 o gobernador civil de Lugo, o falanxista Santiago Vallejo, presidiu un acto solemne na cidade xunto ao Director Xeral de Ensinanza, o tamén falanxista Ramón Ferreiro. Ambos colocaron a primeira pedra da que sería nova sede do Instituto Masculino. As instalacións do centro comezaron a funcionar en 1951, e sete anos despois, en setembro de 1958, foron inauguradas por Franco. O ditador puido comprobar como o recibidor principal do instituto estaba presidido por unha gran vidreira co escudo do réxime, que tamén coroaba a fachada de pedra. Case sesenta anos despois, o Parlamento vén de acordar por unanimidade a eliminación das simboloxía franquista do que dende 1985 é o Instituto Lucus Augusti.
Coa entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica boa parte da simboloxía franquista presente en edificios públicos da capital lucense foi desaparecendo, caso por exemplo do escudo da fachada da subdelegación do goberno. No entanto, á beira da avenida dedicada a Ramón Ferreiro persistiron os escudos do Lucus Augusti, cuxa eliminación foi reclamada sen éxito por diferentes colectivos. Esa reclamación volveu este xoves ao Parlamento a través dunha iniciativa de AGE que, desta volta si, foi apoiada por todos os grupos.
Para o parlamentario impulsor da iniciativa, Ramón Vázquez, a permanencia destes "símbolos fascistas" nun centro educativo non só "vulnera de xeito flagrante a lei de memoria histórica", senón que mesmo pode ser interpretada como unha "alegoría das causas que levan á caída do réxime emanado da transición. "Cada ano estudan neste centro público centos de rapaces e rapazas" cuxa formación "inclúe valores e actitudes propios dunha sociedade democrática, o que resulta absolutamente contraditorio coa presenza de símbolos fascistas". Ademais, subliña, a gravidade deste caso é maior por ser o Lucus Augusti un dos cinco Institutos Históricos de Galicia para o Museo Pedagóxico. Pola súas aulas, subliña, pasaron como docentes e estudantes persoeiros como Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel ou Manuel María, entre outros moitos.
"A educación en valores democráticos é contraditoria coa presenza de símbolos fascistas"
"O incumprimento das normas das que se dota a sociedade, como a lei de memoria histórica, así como o mantemento de símbolos antidemocráticos -enfatiza Vázquez- son feitos que non deben incorporarse a unha práctica educativa minimamente exemplarizante". "O alumnado do IES Lucus Augusti e as súas familias teñen dereito a acudir a un centro de ensino onde se respecte a legalidade vixente", sinala o parlamentario, dende cuxo punto de vista "ninguén imaxinaría, nun edificio público de Alemaña, a permanencia de símbolos nazis".
Para apoiar a iniciativa o PP reclamou eliminar a petición de retirar a capela católica da sala de profesores do centro
Ao contrario do sucedido noutras ocasións, o PP anunciou desta volta o seu voto favorable, pero cunha condición: a aceptación dunha emenda para suprimir da proposta de AGE a petición de que fose eliminada do instituto a capela relixiosa da sala de profesores, unha instalación que é "antítese para un modelo de escola laica e democrática", indicaba. A emenda foi aceptada e os populares sumáronse ao acordo do resto de grupos. O PP, afirma o seu deputado Hipólito Fariñas, "está de acordo en que se retiren todos os símbolos franquistas que existen no Lucus Augusti, así como en calquera outro centro que o solicite en cumprimento da lei de memoria histórica".
Así as cousas, a Xunta ten dende este xoves o mandato formal do Parlamento para retirar os escudos franquistas do instituto. AGE, pola súa banda, "agradece" o apoio á iniciativa e salienta, ademais, que puido ser aprobada "no Día da República".