O 18 de marzo de 2015 a asociación Batas Brancas, formada por ao redor de 800 profesionais da sanidade, formalizaba a súa denuncia ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polos atrasos e denegacións de tratamentos de Hepatites C. As trabas da Xunta, aseguraban, causaran polo menos cinco mortes. Daquela, como agora, cando o ministerio público acusa o Goberno galego de homicidio imprudente neste caso, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo escudouse en que o seu criterio non era outro que o marcado polos médicos. Con todo, o Colexio Médico de Pontevedra xa advertira ao Servizo Galego de Saúde sobre estas denegacións e da preponderancia de criterios económicos. Todo, un mes antes da propia denuncia.
Nunha carta con data de rexistro do 6 de febreiro e dirixida ao daquela director xeneral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, agora investigado -antiga imputación- por presunta prevaricación neste caso, o secretario xeral da entidade colexial, Pedro Silva, alertaba á Xunta da denegación "sistemática" do acceso aos tratamentos baseados no sofosbuvir, nome técnico do Sovaldi. Os afectados, salientaba a misiva agora achegada polo sindicato CESM, eran pacientes "clinicamente afectos dunha fibrose hepática en grao avanzado, estado pre cirrótico".
"Non podemos compartir e non compartimos os criterios economicistas"
O Colexio Médico, sinalaba a misiva, facía súas as declaracións nas que Mariano Rajoy asegurara que "ningún cidadán español ao que un médico lle prescriba calquera medicamento vai quedar sen eles", unha frase "que os colexios profesionais vimos defendendo debde sempre" pero que non se estaba facendo realidade. "Non podemos compartir e non compartimos -sinalaban- que aplicando criterios economicistas non se inclúan nos tratamentos" con Sovaldi a estes enfermos, aos que se obrigaba pola vía dos feitos a "esperar a que, como consecuencia da progresión da súa enfermidade, alcancen un estadio evolutivo superior", cun "dano hepático maior que nalgúns casos pode ser irreversible".
Diversas guías profesionais e a "comunidade científica" en xeral, lembráballe a entidade a Rubial, establecen como "un dos principais obxectivos do tratamento nestes pacientes" a eliminación do virus "para previr a cirrose hepática, o hepatocarcionoma e, eventualmente, a morte". Por este motivo, os pacientes en estadio 3 e 4 deberían, indicaban, ter prioridade no acceso aos tratamentos máis novos.
O colexio médico pontevedrés acusaba o Sergas de obrigar os doentes a agardar por un empeoramento "que nalgúns casos pode ser irreversible"
"Como colexio profesional -agregaban- queremos denunciarlle que no caso dos tratamentos" de Hepatite C "con antivirais de acción directa de segunda xeración, en Galicia están a aplicarse criterios restritivos" que "son os mesmos establecidos polo Ministerio de Sanidade", pero "diferentes" aos que, por exemplo, estaban a aplicarse nese momento en Catalunya. Por todo isto, os médicos pontevedreses reclamaban "encarecidamente" a Rubial que, "como médico e responsable asistencial, defenda que en Galicia se trate tamén cos novos fármacos aos pacientes con hepatite crónica" en estadio tres.
Esta carta, no entanto, non fora a primeira recibida polos responsables da Xunta. Na primavera de 2014 tres médicos do Clínico de Santiago -o xefe da unidade de transplantes e dúas hepatólogos- decidiron dirixirse directamente á daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. No caso de que o tratamento non fose autorizado, advertían, o paciente, transplantado de fígado, "perderá a súa vida con toda seguridade nun prazo breve de tempo". Esta canle extraoficial permitiu salvar a vida do paciente, aínda que os médicos recibiron outra misiva cargada de reproches de Félix Rubial, que agora terá que responder o xulgado o próximo 28 de abril.
As advertencias lanzadas polos facultativos de Santiago e Pontevedra contrastan coas declaracións lanzadas por Rubial tras a súa imputación. Así, en declaracións a La Voz de Galicia, o actual xerente de área sanitaria de Vigo mantén que os criterios seguidos para aprobar os tratamentos foron "só médicos" e "clínicos", sen que "en absoluto", di, pesasen as restricións orzamentarias para denegar ou atrasar a aplicación dos fármacos.