Eran meses convulsos. Despois dunha campaña electoral na que o PP axitara con medida precisión a bandeira dunha suposta "imposición" lingüística a chegada de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano fixo prender as alarmas en boa parte da comunidade escolar, nos sindicatos educativos e nos movementos de defensa da lingua. O novo presidente prometera ata a saciedade derrogar o decreto 124/2007 de promoción do galego no ensino e substituír os seus preceptos -un "mínimo" de 50% de materias en galego- por "unha casilla no sobre de matrícula" a través da cal as familias do alumnado condicionarían a distribución dos idiomas entre materias.
A finais de abril, co Executivo conservador xa constituído, o novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, concedía as súas primeiras entrevistas nas que, como moitos dos seus compañeiros de gabinete, daba mostras da locuacidade propia de quen nunca antes pisara a primeira liña política. Facíao, por exemplo, ao responder ás preguntas do Faro de Vigo, ao afirmar que o Goberno bipartito pasara "o rodete", ata o punto de que "coñezo moitos exemplos de situacións nas que se imparte en castelán só unha materia". Fronte ao discurso público a consellería, tal e como ten informado Praza, xa era consciente de que a posición da lingua propia era "moi desfavorable" nas aulas do país.
Coa Secretaría Xeral de Política Lingüística aínda vacante Vázquez reafirmábase naquela primeira entrevista na teoría da "imposición". "Unha persoa pódese trabucar, cando se fala de milleiros, non", ilustraba, en referencia ao resultado electoral". Ademais, dicía, a educación "debe evolucionar coa sociedade".
Vázquez aseguraba en 2010 que o galego primaba nas aulas, agora a Xunta recoñece que a súa posición era "moi desfavorable" fronte ao castelán
Estas primeiras declaracións aplacaban, cando menos en parte, as ansias dos grupos contrarios ás medidas de normalización da lingua galega que, como a asociación viguesa Galicia Bilingüe, xa se erixían daquela en "vixilantes" do cumprimento das promesas electorais dos populares. Non os deixou tan tranquilos o segundo movemento orgánico efectuado polo Executivo na materia. Nos días previos ao Día das Letras dese mesmo 2009, o primeiro con Feijóo na Xunta, dende San Caetano anunciábase a sorpresiva designación do lingüista Anxo Lorenzo como novo responsable de Política Lingüística. Lorenzo, que defendera vivamente en público o decreto do bipartito, mesmo chegara a colaborar coa súa antecesora, do PSdeG.
Pero a relativa tranquilidade entre a comunidade escolar e os grupos a prol do galego durou moi pouco, nomeadamente, ata que o 5 de xuño Lorenzo comparecía en público por primeira vez. Facíao xunto ao conselleiro e para presentar a enquisa que, anunciaban ambos, supuña "o primeiro paso para a derrogación" da normativa lingüística coa que noutrora concordara o novo secretario xeral.
"Os obxectivos son superar a conflitividade e solventar os problemas de legalidade suscitados polo anterior decreto", afirmaba Vázquez que, de novo, volvía teimar nun teórico "desequilibrio" entre galego e castelán. O inquérito, a contratación dunha empresa privada para sistematizar os resultados, 19.800 euros para realizala e 90.000 euros máis para publicitala na prensa seguiron a caldear os ánimos mentres o novo decreto non daba chegado, algo que acontecería no serán do 30 de decembro, nunha convocatoria vespertina do Consello da Xunta que non se volveu repetir ata o momento.
En pleno proceso de elaboración do decreto e con dúas masivas manifestacións máis ás súas costas, en marzo de 2010 Jesús Vázquez volvía asegurar que "a sociedade" quería "volver ao equilibrio" entre as linguas, xa que en "moitos" colexios o galego primaba sobre o castelán, insistía. "Máis dun 20% dos centros impartía ou imparte máis dun 80% das materias en galego e máis do 60% supera o 50%", mantiña. "Abriuse a porta á inmersión lingüística", condenaba.
Con estes números Vázquez xustificaba un teórico privilexio do galego que, dous anos despois, o Goberno galego recoñece que non existía. Como ten detallado este diario, "ao inicio da vixencia" do chamado decreto do plurilingüismo o "uso do galego por parte do alumnado" era "minoritario" na "xeralidade dos centros galegos", "especialmente nas provincias atlánticas" e "nas sete cidades máis poboadas", nas que a presenza do galego entre o estudantado "poderíase dicir que é escaso".
Malia este recoñecemento non é previsible que haxa mudanza ningunha. No propio mes de marzo de 2010 Lorenzo sinalaba, a preguntas dos xornalistas, que non habería incrementos do número de horas lectivas e de materias en galego aínda que ficase constatada unha redución de competencias entre o alumnado no uso e comprensión da lingua propia de Galicia.