O PSdeG activa as primarias para a Xunta e pecha a vía dunha candidatura allea ao partido

Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Primarias no PSdeG o 28 de maio. Apenas unha semana despois de transcender que a dirección federal do PSOE barallaba pola súa conta, a través dunha enquisa, perfís para a candidatura á Presidencia da Xunta, sen desbotar o lanzamento para este cargo a alguén alleo ao partido como o politólogo e tertuliano Antón Losada, o equipo de Pedro Sánchez abandona o camiño que conseguira descolocar a practicamente todas as familias do socialismo galego. A xestora que dirixe a formación dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro vén de activar o proceso para que a militancia decida o rostro que figurará no seu cartel electoral.

Unha vez descartada en Ferraz o que pretendía ser unha caste de 'operación Gabilondo' á galega, a presidenta da xestora, Pilar Cancela, explicou este venres ante a prensa que o inicio do proceso de primarias se produce agora porque é agora cando se sabe que "no haberá haberá acordo de goberno en España". Así, este 30 de abril comeza un proceso de apenas un mes que concluirá, o 29 de maio, coa proclamación oficial da persoa que, di Cancela, aspirará a "protagonizar o cambio en Galicia".

A rapidez do proceso permite, evidencia a presidenta da xestora, que as primarias non interfiran na campaña das xerais do 26 de xuño e que, ademais, nesa carreira electoral xa poida participar a candidata ou candidato á Xunta con esa condición. Ademais, a celebración desta elección tal e como se previra inicialmente devólvelle o control á xestora e permite separar de vez a elección da candidatura da designación da nova secretaría xeral, posto vacante dende a marcha de Besteiro que terá que ser renovado no marco dun Congreso Nacional, cuxa organización ten que concretar a propia xestora antes do outono.

A persoa elixida xa participará como candidata á Xunta na campaña das xerais do 26-X

Así as cousas, os dirixentes e militantes que queiran optar ao posto terán apenas tres días, ata o 3 de maio, para presentar a súa precandidatura. Dende esa xornada comezará a correr un prazo de once días para a presentación de avais, o 14 de maio proclamaranse provisionalmente as candidaturas e o día 19, de xeito definitivo. No caso de haber máis dun aspirante o partido celebrará unha campaña interna de oito días, do 20 ao 27 de maio, e o día 28 celebrarase a votación. "A xestora -di Cancela- premanecerá neutral como garante deste proceso aberto e democrático", polo que só resta que "os compañeiros e compañeiras dispostos a dar un paso á fronte mostren a súa vontade" de facelo.

Nomes como os de Méndez Romeu, Leiceaga ou a propia Pilar Cancela figura nas cábalas da candidatura dende hai semanas

Co escenario definido, só resta poñer nomes tras semanas nas que a propia Pilar Cancela figurou entre as cábalas da posible candidatura. O seu nome non figuraba, non obstante, no inquérito de Ferraz, no que si estaban os presidentes das deputacións da Coruña e Pontevedra, Valentín González Formoso e Carmela Silva, ademais do voceiro parlamentario, José Luis Méndez Romeu, e do exministro Francisco Caamaño. Nos últimos meses circularon tamén no partido opcións como a do exdeputado Xoaquín Fernández Leiceaga, a exconselleira María José Caride ou mesmo quen fora presidente da Xunta na etapa do tripartito, Fernando González Laxe.

A posta en marcha das primarias chega antes da conclusión do roteiro do alcalde de Vigo, Abel Caballero, polas diferentes agrupacións do PSdeG co obxectivo declarado de "revitalizar" a formación. A posición viguesa preséntase, a priori, como determinante na elección que agora se abre, toda vez que se Caballero logra aglutinar en torno a unha figura de connso os apoios dos que veñen sendo sectores críticos, podería desequilibrar a balanza. Así e todo, dáse por desbotada a posibilidade de que esa operación teña como candidata a Carmela Silva, quen nas últimas semanas non pechou a porta a optar á secretaría xeral do partido.

Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.