Comeza a carreira de obstáculos para que os e as novas emigrantes poidan votar

Consulado de España en Washington DC CC-BY Bruno Sanchez-Andrade Nuño

Coa publicación no BOE -este martes 3 de maio- da convocatoria oficial de novas eleccións para o 26 de xuño ábrese tamén o labirinto burocrático e a carreira de obstáculos que os as residentes do estranxeiro deben atravesar para poder exercer o seu dereito ao voto. Nomeadamente aqueles e aquelas que marcharon nos últimos anos, os novos e novas emigrantes, prexudicados pola reforma da lei electoral de 2011, que -buscando impedir a fraude- fixo máis complexo o procedemento, obrigándoos a rogar (solicitar) o voto. Un proceso que acaba por depender de moitos factores externos, coma a proximidade dos consulados ou a propia dilixencia (e ás veces do seu criterio subxectivo) destas oficinas, o que en ocasións limita de facto o dereito ao voto de milleiros de mozos e mozas.

Os novos e novas emigrantes deben realizar dous trámites presenciais nos consulados (inscribirse no censo de residentes temporais ERTA e, ademais, solicitar o voto). O prazo para o rogo do voto é do 4 ao 28 de maio

O mecanismo e os problemas son os mesmos xa denunciados de cara aos comicios do 20 de decembro. Os e as residentes permanentes no exterior téñeno algo máis doado. As persoas inscritas no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) poden solicitar do 4 ao 28 de maio o seu voto enchendo o impreso que se lles enviará ao seu domicilio (que tamén se pode obter por internet) e remitíndoo por correo ordinario, fax ou a través da rede. Unha vez rexistrado deste xeito o rogo de voto, recibirán no seu domicilio por correo certificado as papeletas e os sobres coas instrucións e, finalmente, poden votar en urna ou por correo.

As dificultades son moito maiores no caso dos e das residentes temporais, aquelas persoas que marcharon do país nos últimos anos e que non formalizaron a súa situación como residentes permanentes do estranxeiro a través do CERA. Deben realizar dous trámites distintos nas oficinas dos consulados españois (inscribirse no censo de residentes temporais ERTA e, ademais, solicitar o voto). Estes dous trámites son presenciais e, ademais, deben levarse a cabo nun período de tempo moi curto (do 4 ao 28 de maio), o período fixado para o rogo do voto.

Os consulados poden obrigar os e as residentes temporais a rexistrarse como residentes permanentes (CERA) e para este trámite tan só hai unha semana de prazo (do 9 ao 16 de maio)

Hai, ademais, problemas engadidos. Se estas persoas levan máis dun ano inscritas como ERTA, os consulados poden obrigalos a rexistrarse como residentes permanentes (CERA) e para este trámite tan só hai unha semana de prazo (do 9 ao 16 de maio). Tamén pode suceder (como de feito xa lles pasou a moitas persoas nos anteriores comicios) que aínda que se leven a cabo correctamente todos os trámites (inscrición, rogo de voto), as papeletas non cheguen a tempo para poder votar. Os prazos son moi axustados: a data límite para poder enviar os votos por correo é o 22 de xuño. O envío de papeletas comeza o 6 de xuño, pero se hai impugnacións ás listas e candidaturas (o que é habitual), o inicio do envío adíase ata o 14 de xuño.

 

Datas clave

O derradeiro día para votar por correo é o 22 de xuño e o inicio do envío das papeletas pode adiarse ata o 14, o que pode provocar que non cheguen a tempo 

3 de maio: Publicación no BOE da convocatoria de eleccións

Do 4 ao 28 de maio: Rogo do voto. Presencial ou telemático para os residentes permanentes (CERA). Para os residentes temporais é necesaria a inscrición no censo ERTA e ambos os dous trámites son presenciais

Do 9 ao 16 de maio: Consulta do censo e reclamacións. Único momento para inscribirse no CERA para aqueles e aquelas residentes no estranxeiros a quen os consulados non permitan inscribirse como ERTA

6 de xuño: Comezo do envío das papeletas, tanto aos inscritos e inscritas no CERA coma no ERTA. O envío adíase ata o 14 de xuño se hai impugnacións ás listas

16 de xuño. Derradeiro día para solicitar o voto por correo dende o territorio español. 

22 de xuño. Derradeiro día para votar por correo

Do 22 ao 24 de xuño. Voto en urna nos consulados para o censo CERA

 

'Rescata o meu voto'

En decembro 1.154 novos e novas emigrantes galegas inscribíronse na iniciativa Rescata o meu voto

De cara ás eleccións do 20 de decembro o colectivo Marea Granate puxo en marcha a iniciativa Rescata o meu voto, buscando emparellar persoas que viven no estranxeiro e que por algún dos motivos comentados anteriormente non poderían votar con persoas residentes en España e que si podían votar pero decidiran non facelo. Era, ademais, unha forma de denunciar publicamente esta situación e de facer patente a situación de moitas persoas que quedaran privadas do seu dereito ao voto. Un total de 16.927 emigrantes inscribíranse na iniciativa, atopando 3.549 doantes, persoas que aceptaran votar no seu lugar (á opción que o emigrante decidira). En Galicia foron 1.154 os e as emigrantes que se inscribiron e 217 as persoas residentes que se ofreceron a votar por eles e elas.

 

Consulado de España en Washington DC CC-BY Bruno Sanchez-Andrade Nuño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.