Rajoy defende o traballo das deputacións ante Baltar e eloxia que traia a Vuelta a España

Baltar, Rajoy, Feijóo e outros dirixentes, durante o acto © PP

Mariano Rajoy estivo en Ourense, pero non para asistir ao Congreso do PP galego, que se inaugura este sábado pola tarde, senón para participar nun acto de Nuevas Generaciones. Na porta recibiuno o presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, nunha das imaxes da xornada, pero Baltar non subiu ao estrado, sobre o que unicamente falaron Rajoy, Feijóo e o presidente das mocidades populares galegas, Diego Gago.

Así pois, Rajoy non estará no congreso que referendará o domingo a Feijóo como líder do PP galego, e tampouco estará na botadura -este sábado en Vigo- dun barco peruano á que asistirá o presidente dese país, Ollanta Humala, Feijóo e a ministra de Fomento, o que suscitou todo tipo de rumores sobre a estraña axenda do presidente do Goberno.

“Se a nova política é o que vimos nestes catro meses, temos un problema no futuro”, dixo Rajoy

Na súa intervención, Rajoy referiuse ao proceso fallido de investidura, sinalando que “eu non son elixido polo meu partido, o PP, para facer presidente do Goberno ao señor Sánchez, sobre todo cando non gañou as eleccións”. E advertindo, ademais, que “se a nova política é o que vimos nestes catro meses, temos un problema no futuro”. Neste senso, Alberto Núñez Feijoo salientou a “honestidade” de Rajoy fronte ao resto de candidatos á presidencia do Goberno e estendeuse en debullar as contradicións dos outros partidos entre o que prometeron na pasada campaña electoral e as súas negociacións frustradas.

No intercambio de piropos tamén Rajoy tivo palabras de afago para o líder dos populares galegos, subliñando que el é militante do PP de Galicia, “e tamén teño dereito a opinar”, dixo. “Ti dis que tes moitos avais, eu só veño cun aval, é o meu, e queríacho entregar aquí, Alberto”, engadiu, tirando do peto o escrito coa súa sinatura e entregándollo a Feijóo.

De cara ao Congreso que comeza este sábado, Alberto Núñez Feijoo sinalou que a cita, na que reeditará o liderado do partido e a candidatura á Xunta sen ningunha oposición, supón “algo inédito na política actual galega”, “porque os prazos os fixamos con tempo”, dixo, fronte á improvisación do PSdeG e a súa “dedocracia máxima”. Do mesmo xeito, salientou que “o candidato do noso partido é galego, porque o candidato de Ciudadanos e o das mareas de Podemos decidirano un catalán e un madrileño”. Obviando que a única formación que xa ten claro o seu candidato á Xunta é o BNG con Ana Pontón, Feijóo aventurou que “vendo os candidatos que se manexan por aí, igual eu son o candidato máis novo”, en referencia a José Luis Méndez Romeu e Xosé Manuel Beiras.

“Vendo os candidatos que se manexan por aí, igual eu son o candidato máis novo”, dixo Núñez Feijoo en referencia a José Luis Méndez Romeu e Xosé Manuel Beiras

A Rajoy preguntáronlle desde o público polo traballo que fan as deputacións provinciais e lembráronlle a aposta da ourensá, presidida por Baltar, pola promoción do turismo termal coa próxima saída da Vuelta Ciclista a España desde Ourense. O presidente, facendo gala da súa afección, estendeuse primeiro en identificar e eloxiar os ciclistas españois que se prevé que participen na ronda española ou no Tour de Francia. E logo puxo esa medida en apoio do turismo como un exemplo de boa política por parte da Deputación de Ourense. Con Baltar en primeira fila, ao que felicitou pola súa iniciativa, Rajoy defendeu en xeral a existencia e o traballo das deputacións provinciais fronte a propostas doutros partidos de suprimilas ou recortalas, que identificou cun menosprezo do rural. “Hai que preguntarlle a moitos alcaldes de municipios pequenos que pintan as deputacións nos seus pobos”, dixo.

Finalmente, Rajoy salientou, citando recentes anuncios, o seu compromiso coa industria naval galega, coa automoción e coa pesca, e marcouse como “reto de futuro” o de “rematar o AVE” amosándose “convencido de que na próxima lexislatura Madrid-Galicia poderase circular xa en alta velocidade”.

 

Mariano Rajoy, entre Diego Gago e Alberto Núñez Feijoo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.