Membros de mareas municipais inician contactos para procurar "un único proceso de confluencia"

Acto de apoio das mareas municipais a En Marea, antes do 20-D CC-BY-SA Marea Atlántica

Procurar "un único proceso de confluencia". É a intención declarada dunha das persoas participantes no "grupo de traballo" que veñen de poñer en marcha membros de varias 'mareas' municipais do país co co obxectivo de iniciaren unha serie de contactos que, nas vindeiras semanas, poidan desembocar nun achegamento e mesmo na unión do que actualmente son dous espazos políticos lindeiros: En Marea -a coalición de Anova, Podemos e Esquerda Unida- e as Mareas en Común, o proceso iniciado por unha trintena de plataformas municipais que dende o pasado xaneiro se ofrece como base para a "confluencia" das "forzas do cambio", intención que reafirmou este sábado en Ames, no inicio da chamada "Marea Viva", a "Marea Baixa".

Segundo as fontes consultadas por Praza.gal o xermolo desta rolda de contactos, que aínda non foi completada, está nunha xuntanza celebrada o pasado mércores en Santiago que, inicialmente impulsada dende Compostela Aberta, reuniu a integrantes da marea compostelá con representantes doutras candidaturas municipalistas da contorna da capital galega e de comarcas lindeiras, caso de Ames Novo, Nós Pobra ou Rianxo en Común. Nesa xuntanza, sinalan as mesmas fontes, decidiuse constituír o devandito grupo para "pular por que haxa un único proceso". "Debemos camiñar unidos, como cremos que entenden a maioría de galegos e galegas", ilustran.

O xermolo desta rolda de contactos estivo nunha xuntanza celebrada esta semana en Santiago

Cos seus membros a participar a título individual -resaltan-, este grupo decidiu establecer "contactos" cos "axentes" implicados en ambos procesos e tamén con quen ata o momento non participan activamente en ningún. Trataríase, polo tanto, de tecer pontes entre as mareas urbanas, os partidos de En Marea, as mareas municipalistas das vilas e tamén colectivos como o Encontro Cidadán por unha Marea Galega. O convite a todos estes grupos, indican, vai encamiñado a atopar "puntos mínimos" que desemboquen nun proceso único.

No seo das Mareas en Común vese con bos ollos participar nunha mesa "de interlocución" para procurar unir os procesos

Nesta liña, este grupo de traballo decidiu combinar os contactos individuais con cada "axente" coa participación nos encontros xa convocados, a comezar polo das Mareas en Común deste mesmo sábado. Alí algúns dos seus participantes expuxeron a, ao seu xuízo, conveniencia de que os dous "modelos" xa en marcha, En Marea e as propias Mareas en Común, conflúan e permitan, asemade, participación "directa" da cidadanía que queira achegarse. A proposta foi, a priori, ben acollida, toda vez que dende Mareas en Común se ve con bos ollos a partipación nunha "mesa de interlocución" que procure a unificación dos procesos.

Chamamentos á unidade coas xerais de fondo

O movemento deste grupo prodúcese tras uns días nos que algunhas voces destacadas do espazo das mareas chamaron, con diversos matices, a procurar vías de unión. Foi o caso do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen considera que "non pode haber dous procesos paralelos". Nesa liña, deu en ofrecer Compostela Aberta como posible espazo, polo seu "perfil" para "intermediar no que todo o mundo espera: un único proceso". "Se gaña un perfil dos dous, perde o proceso", por iso "non teño ningunha dúbida de que o proceso acabará confluíndo". "Ninguén entende procesos paralelos", enfatizou.Unha das candidaturas municipais máis implicada nas Mareas en Común, a coruñesa Marea Atlántica, sinalaba tamén esta semana a necesidade de "demostrar que somos quen de poñernos de acordo e de facer valer o que nos une".

Todos estes movementos e declaracións cara ás eleccións galegas prodúcense en pleno proceso de reconfiguración de candidaturas para as novas eleccións xerais do 26 de xuño. Neste eido a constitución ou non de En Marea como partido instrumental -Anova rexistrouno como tal para, indicaron, poder botar man del caso de ser a fórmula elixida- ou a súa continuidade como coalición, así como a posibilidade de acadar ou non grupo propio no Congreso está a marcar un debate entre formacións que, necesariamente, ten que ficar despexado por mor dos prazos en apenas unha semana.

Encontro das Mareas en Común, este sábado en Ames CC-BY-SA Mareas en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.