Feijóo eríxese en feito diferencial galego tras ser reelixido no PPdeG co 98% dos votos

A dirección do PPdeG, cos convidados ao congreso © PP

Mariano Rajoy non tivo este domingo axenda pública. Tras asistir o venres a un acto das Novas Xeracións do seu partido en Expourense, recinto no que o PPdeG celebrou o congreso autonómico que culminou no mediodía deste domingo, non volveu pisar o escenario deseñado para a aclamación de Alberto Núñez Feijóo como líder e candidato ás eleccións galegas ás que se enfrontará, por decisión propia, en solitario e no outono, no canto de facelo o 26 de xuño, cadrando coas xerais e ao carón de Rajoy. Nesta liña de desligar o seu destino político do que poida suceder no conxunto do seu partido, Feijóo aproveitou o conclave que o reelixiu co 97,2% dos votos para marcar territorio, mesmo para erixirse a si mesmo nunha caste de feito diferencial galego.

Feijóo marca territorio salientando ante a catalá Andrea Levy o bo número de cidadanía de Catalunya que ten orixe galega ou lembrándolle ao presidente do PP andaluz, Juan Manuel Moreno, o peso da emigración galega no voto exterior. "Viva Andalucía libre", exclamou un Feijóo especialmente cómodo no seu atril, dende o que contrapuxo, de novo, a situación da Xunta do PP coa dunha Andalucía na que aínda non se completou "a transición" porque o PSOE nunca deixou de gobernar alí. "Na maioría de comunidades autónomas non hai unidade", "non hai equipo" pero "aquí, si". E por iso, asegura, "aquí, aquí, aquí, Galicia, Galicia, Galicia, ese é o noso compromiso".

O actual presidente da Xunta lánzase á súa terceira carreira electoral porque di ter un convencemento. "Imos outra vez conseguir o goberno de Galicia, por iso e só por iso estou aquí", advirte, para seguir dirixindo a "grande nacionalidade histórica" que, proclama, "fixemos" entre Gerardo Fernández Albor, Manuel Fraga e el mesmo. Tras sete anos de goberno, di, o seu propósito agora é "renovar Galicia para ser identificados non só pola etiqueta da nosa roupa", en referencia a Inditex, e servir de dique para que o Goberno galego non caia "nas mans" do PSOE ou "das mareas de Podemos". "Xa vimos onde acabou España dándolles só unha semanas", asegura.

O candidato fuxirá do corpo a corpo co resto de forzas, que lle corresponderá a Tellado

Con este argumentario Feijóo dá por lanzada unha carreira preelectoral na que o deseño de partido é máis semellante ao do fraguismo que ao seu propio, con máis peso das baronías provinciais, pero na que a división de roles semella practicamente a mesma que a empregada para lograr a súa vitoria de 2009. O líder e candidato fuxirá do corpo a corpo co resto de forzas -"non vimos aquí falar da oposición, vimos falar do futuro de Galicia", dixo- alén do imprescindible. A dureza e mesmo a lameira, se a houber, corresponderálle ao novo secretario xeral, Miguel Tellado, que xa ten a todos os efectos nas súas mans o testemuño deixado por Alfonso Rueda, agora á fronte do partido en Pontevedra. O novo número dous fará un traballo "magnífico", augura o tamén vicepresidente da Xunta.

De Cospedal, "en provincias"

En ausencia de Rajoy, a representación da madrileña rúa de Génova na aclamación de Feijóo correu a cargo da secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, quen insta a "moitos que presumen de democracia noutros partidos" a fixarse en que ao líder do partido en Galicia o escoller "dous mil, dous mil compromisarios". Nun discurso máis próximo ao trámite que á paixón De Cospedal reciclou parte do argumentario do que xa botara man na campaña galega de 2009. Feijóo, glosa, é un "referente" que "ilumina" fronte ao que foi un "gobierno de perdedores", formado polo PSOE cos "radicales nacionalistas" e "independentistas", en referencia ao bipartito.

De Cospedal: "Queremos cuidar de los que viven en la capital de España y también en provincias"

Se Galicia é hoxe unha "realidad pujante y segura" é porque goberna un PP que "garantiza sanidad para todos, educación para todos y pensiones para nuestros mayores", e iso seguirá sucedendo se Feijóo vence en outubro e Rajoy, en xuño. "Queremos cuidar de los que viven en la capital de España, pero también de los que viven en provincias, en el medio rural", ilustrou. "Madrid é unha provincia, o resto somos comunidades autónomas", retrucoulle Feijóo na súa quenda.

Baltar: "O PP non é un partido dunha soa persoa"

Quen non tivo protagonismo ningún no gran acto final do congreso foi o anfitrión do mesmo, José Manuel Baltar, ausente tamén de boa parte das imaxes do acto difundidas dende o PP estatal e galego e presente no discurso de Feijóo para lembrar que fora el quen lle pedira "facer o congreso en Ourense, e cumprino". O barón ourensán si tivo, non obstante, quenda de intervención no inicio da sesión, un breve discurso no que aproveitou para advertir de que o PP "non é un partido dunha soa persoa", senón que "hai moita xente por tras e os máis importantes son os alcaldes e concelleiros", responsables, por exemplo, das maiorías absolutas en Ourense. "A xente identifica e sinala a aqueles que merecen a súa confianza", subliña.

Feijóo, con De Cospedal e outros cargos, na clausura do Congreso CC-BY-SA PPdeG
Baltar, con membros das Novas Xeracións © Novas Xeracións

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.