O novo secretario xeral do PPdeG viviu este luns a súa primeira xornada no cargo e dedicou boa parte dela a conceder entrevistas aos medios de comunicación, sete en total. Miguel Tellado rematou o día no faladoiro da canle V Televisión no que colabora habitualmente como tertuliano. Alí, ademais de ser entrevistado, tivo que confrontar co voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, e máis con Iván Puentes, edil socialista en Pontevedra. Foi neste tirapuxa no que Tellado, que comezara defendendo o "galeguismo" que, di, caracterizou o congreso no que Alberto Núñez Feijóo o designou, deu en recuperar un dos piares do argumentario da campaña electoral conservadora en 2009, a suposta "imposición" do galego en Galicia.
Tras explicar que "ser galeguista es entender que Galicia es lo primero, que nuestra forma de ser españoles es ser gallegos y defender que Galicia es una nacionalidad histórica con lengua propia", tanto Jorquera como Puentes recrimináronlle ao popular o que, a xuízo do nacionalista e do socialista, foi unha ruptura do consenso lingüístico. "Aquí quen rompeu o conseneso lingüístico que foi quen de crear Manuel Fraga foi o bipartito, foi o BNG", retrucou Tellado. E "o exemplo clarísimo", afirma, é "como actuaron nas galescolas".
O secretario xeral do PPdeG acusa os socios do antigo bipartito de "apostar por la imposición" e pon as galescolas como "ejemplo clarísimo"
O voceiro do do Bloque na Cámara retrucou á acusación do popular lembrando que nas devanditas escolas infantís -renomeadas pola actual Xunta como 'Galiña Azul'- o galego era a "lingua vehicular" e, neste punto, Tellado foi alén. Naqueles anos, afirma, "se obrigaba aos concellos a entrar no Consorcio de Benestar" con "convenios que eran unha chantaxe" baixo a premisa "nosotros imponemos". E unha vez dentro, bosquexa, "apostásteis por la imposición" da lingua galega no canto de que "elijan los padres" que, afirma, é o que sucede na actualidade. Hai apenas dúas semanas a Xunta renunciou a pechar o Consorcio, como aprobara hai seis anos, e instou os concellos a potencialo.
O 'número dous' de Feijóo mantén que "non existe inferioridade xurídica do galego en ningún caso" a respecto do castelán
Co PP, no entanto, retornou o "bilingüismo harmónico" e o "galeguismo cordial", con independencia de que membros destacados do partido, como o seu antecesor na secretaría xeral, Alfonso Rueda, mesmo chegasen a asistir á manifestación do colectivo denominado Galicia Bilingüe. Esa asistencia produciuse porque "o PP non é unha secta" e "agás na UPG, o normal é que nos partidos haxa distintas sensibilidades". En Galicia, abonda, non cómpre "impoñer" o galego porque non existe "inferioridade xurídica do galego en ningún caso", galego e castelán "están en igualdade xurídica", asegura, aínda que a Constitución estableza para o galego o "dereito" de coñecelo e usalo e para o castelán, a "obriga".
Memoria histórica sen "política"
Tellado coida que a "intención" do PSOE coa lei de memoria histórica non era "sana" e que o PP "cayó en la trampa"
Outro dos puntos de discrepancia entre Tellado e os representantes de PSdeG e BNG chegou ao respecto da aplicación da Lei da Memoria Histórica, que o número dous de Feijóo di estar a prol de "cumprir" por ser unha lei "vixente", se ben evita aclarar se aposta por dotala do financiamento que o gabinete de Mariano Rajoy lle retirou -"yo no sé cuál es el mecanismo, habrá casos distintos"- e rexeita, en calquera caso, darlle unha interpretación "política". A esquerda, afirma, fixo "política de la más rastrera" despois de que o PSOE impulsase a lei sen "intenciones sanas". E o PP, di, "se equivocó" nunhas "posiciones combativas" derivadas, en todo caso, de "caer en la trampa" da esquerda.
A xuízo de Tellado a intención dos socialistas e da querda en xeral foi "buscar votos en el pasado y buscar el confrontamiento de las dos Españas". Proba disto, dende o seu punto de vista, foi a retirada da estatua de Franco da praza de España de Ferrol, realizada en 2002, con Xaime Bello (BNG) como alcalde -daquela o PP chegara a esixir un referendo ao respecto e a proclamar que "deberíamos estar orgullosos de que un paisano nuestro gobernase España durante 40 años"-. "Destrozásteis la Plaza de España por sacar la estatua de Franco" y "la dejásteis mangada diez años", acusou, nun contexto no que, agrega, por exemplo en Alemaña "no se han retirado todos los símbolos del nazismo".