A dez días de que a selección galega de fútbol dispute ante Venezuela un partido en Riazor, o PP da Coruña cargou contra ela. Foi durante o pleno do luns que aprobou -cos votos favorables da Marea Atlántica e do Bloque, a abstención do PSOE e a negativa dos populares- unha moción do BNG na que se insta o Estado ao "recoñecemento oficial e internacional" das federacións deportivas de Galicia e a Xunta a que solicite as modificacións normativas necesarias para permitir a súa oficialidade.
O PP recomendou "non mesturar política e deporte" e aludiu á "exaltación nacionalista" do último partido de Galicia en Riazor
Na súa resposta á moción do Bloque, o concelleiro do PP Francisco Mourelo recomendou "non mesturar política e deporte" e acusou a voceira do BNG, Avia Veira, de "desexar unha selección galega suprimindo a española", ademais de reprocharlle que empregase Galiza e non Galicia para referirse ao país. "Non cómpre ser tacaño nin ocultar as ideas", asegurou o edil popular, que advertiu da "exaltación nacionalista" na que, segundo dixo aludindo a "todas as crónicas" xornalísticas, se convertera o último partido da Irmandiña, tamén en Riazor en 2008.
Mourelo recuperou así os argumentos en contra que expresou boa parte do PP, liderado por Núñez Feijóo, logo de que a Xunta decidise non apoiar nin impulsar ningún partido máis da selección galega tras os catro encontros organizados durante o goberno bipartito. Precisamente, e logo de sete anos de ausencia, foi a Federación Galega de Fútbol (FGF) a que recuperou a Irmandiña da man de Rafael Louzán, o seu presidente, ata hai pouco líder do PP de Pontevedra, barón do partido e presidente da Deputación de Pontevedra.
Louzán, ex presidente do PP de Pontevedra, foi o impulsro da volta da Irmandiña desde a Federación Galega de Fútbol
A moción que solicita a oficialidade das seleccións deportivas galegas por parte do Concello da Coruña saíu adiante grazas á abstención do PSOE que, con todo, acusou o BNG de impulsar unha petición "de perspectiva marcadamente nacionalista" e cun obxectivo "non de mellora do deporte senón político". O seu portavoz, José Manuel Dapena, aludiu a sentenzas do Tribunal Constitucional que limitan a oficialidade dos combinados deportivos non estatais e asegurou que "o límite" para exercer o dereito á competición "é o autonómico". "Se se excede está o Estado", dixo, tras engadir que "a unidade é a mellor vantaxe competitiva que España pode representar".
O PSOE abstívose pero advertiu do "obxectivo político" da moción, mentres que a Marea votou a favor
A Marea Atlántica, pola súa banda, si apoiou a moción por haber "soporte legal, fórmulas e precedentes" sobre a plurinacionalidade e a súa representación oficial en combinados deportivos, ademais de destacar a "demanda social" sobre as seleccións galegas. Ademais, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, lembrou que non foi a súa formación quen escolleu a selección rival, en referencia a Venezuela. "Non quero nin pensar no que ocorrería se así fose", asegurou sorrindo.
Avia Veira, voceira do BNG, lembrou tamén que "non hai base constitucional nin legal ningunha" para negar a oficialidade das federacións deportivas galegas e lembrou que a súa moción "trata de darlle normalidade ao deporte e de darlle representación ao noso país no deporte".