Xaquín Fernández Leiceaga é o gañador das primarias do PSdeG-PSOE e será o candidato da formación nas eleccións autonómicas deste outono. Derrotou cun 55,67% dos apoios a José Luis Méndez Romeu, a pesar de que este obtivo unha clara vitoria en Vigo (418 votos fronte a 128, facendo valer o apoio de Abel Caballero) e se impuxo tamén nas cidades de Santiago (143 a 105) e A Coruña (174 a 117). Porén, o economista noiés venceu con contundencia en Pontevedra (138 a 76), Ferrol (98 a 79) e Vilagarcía (89 a 47) e na maior parte das comarcas non urbanas. En total, votaron unhas 6.500 persoas, un 65% do censo de militantes socialistas. Fernández Leiceaga será proclamado candidato este domingo.
Leiceaga obtivo o 55,67% dos votos. Gañou en Pontevedra, Ferrol e Vilagarcía e, sobre todo, nas comarcas non urbanas. Méndez Romeu dominou nas cidades de Vigo, A Coruña, Compostela e Ourense
Na súa primeira intervención tras coñecer os resultados, Xaquín Fernández Leiceaga destacou que "o reto" é conseguir a Presidencia da Xunta nas eleccións deste outono, e animou a todos e todas as militantes a "estar detrás" do proxecto que encabezará. Leiceaga sinalou que se produciu "un triunfo da nova política, das ideas de renovación e dunha nova forma de facer as cousas que vai permitir construír esta alternativa ao PP". Pola súa banda, José Luis Méndez Romeu pediulles a todas as persoas que o apoiaran que "traballen con lealdade na dirección que marque o que agora éo candidato de todos os socialistas". Leiceaga e Romeu exhibiron unidade e apareceron xuntos ante os medios.
Ambos os dous candidatos chegaban aparentemente igualados a esta cita. Se Jose Luis Méndez Romeu conseguira reunir nun comezo un número lixeiramente superior de avais (2.500 fronte a 2.200) e sumar o apoio de pesos pesados do PSdeG-PSOE en Galicia (Abel Caballero, Carmela Silva, Mar Barcón, Francisco Caamaño, Pachi Vázquez, Xosé López Orozco...), Xaquín Fernández Leicega chegou a un acordo con Gonzalo Caballero (que con 550 avais non chegara ao mínimo) e rodear a súa candidatura coa imaxe da renovación do partido. Se Méndez Romeu dominaba as provincias de Pontevedra e Ourense, aupando na potencia da formación socialista en Vigo, Fernández Leiceaga era en principio máis forte nas provincias do norte, sobre todo en Lugo, onde contaría coas simpatías de José Ramón Gómez Besteiro e dos presidentes de Deputación, Valentín González Formoso e Darío Campos.
Leiceaga afirmou que "non sería reticente" a un goberno de coalición coas mareas. "Se aritmeticamente hai posibilidades, hai que intentalo seriamente", dixo
O ton da campaña foi elevándose nas últimas xornadas, deixando ao descuberto as diverxencias entre os dous candidatos, sobre todo no referente a un asunto: a política de alianzas a seguir no caso máis que probable de que só a unión de diferentes forzas de esquerda poida lograr afastar o PP da Xunta, é dicir, a posibilidade de que o PSdeG-PSOE poida chegar a un acordo de Goberno coa Marea. No último debate da campaña, celebrado na Radio Galega, Leiceaga afirmou que "non sería reticente" a un goberno de coalición coas mareas: "Se aritmeticamente hai posibilidades, hai que intentalo seriamente", sinalando -iso si- que "para ser posible, terá que facerse sobre a base do programa socialista" porque "é o que dá estabilidade". Unha idea moi semellante á que xa expresara en entrevista con Praza o mesmo día que presentou a súa candidatura: "Temos que ensamblar ao redor de nós unha maioría social que vai necesitar, cando menos, doutra forza política. Temos que ser capaces entre todos de atopar un punto de encontro para unha nova maioría".
Pola contra, Méndez Romeu apostou este mesmo venres por "un goberno de hexemonía socialista en Galicia", descartando un goberno de coalición e criticando os executivos locais das mareas: "No seu día apoiamos os gobernos das mareas porque era a votande maioritaria do corpo electoral, pero vemos que non funcionan; estamos facendo por que rectifiquen pero non podemos calar ante a posición de desgobeno dalgunhas cidades".
Un total de 10.376 militantes do partido e de Xuventudes Socialistas estaban chamados e chamadas a votar este sábado, nos 189 centros repartidos entre sedes socialistas locais e centros públicos. Deles, 65 estaban na provincia de A Coruña, 51 en Lugo, 22 en Ourense e 51 en Pontevedra. A xornada transcorreu sen incidentes de consideración, agás unha denuncia presentada pola candidatura de Leiceaga pola actuación dalgúns interventores da área de Vigo. Ao longo do sábado Méndez Romeu destacou a "alta participación" que -dixo- amosa que "a militancia cre posible o cambio en Galicia", engadindo que "hoxe é o primeiro día da alternativa de goberno a Núñez Feijóo". Mentres, Fernández Leiceaga subliñaba que "gañar significaría unha responsabilidade enorme".