A Xunta divulga por "erro" en internet nomes de menores aos que paga tratamentos

Rey Varela nun centro de menores © Xunta

Logo de anos de opacidade, a transparencia estáselle a atragoar á Xunta. O Goberno galego non revela canto cobra cada un dos máis de 130 asesores que di ter. Pero si vén de divulgar nomes e apelidos de menores, identificados expresamente como tales, aos que a Consellería de Política Social aboou tratamentos médicos de escasa contía. Tras detectar esta situación, Praza Pública advertiulla tanto a Política Social como á Vicepresidencia, responsable da Lei de Transparencia. Este medio agardou para publicar esta información a que o departamento que dirixe José Manuel Rey Varela corrixise e non volvese a repetir o que admitiu como un “erro”.

Praza Pública detectou oito casos nos que Política Social revelou o nome e apelidos de menores. Fíxoo a través da súa plataforma de contratación, a páxina web na que desde principios de marzo, en aplicación da Lei de Transparencia, está obrigada a publicar tamén as facturas e contratos menores que polo seu reducido importe entrega directamente a dedo. Neste caso son cinco facturas de farmacia que oscilan entre os 7 e os 107 euros, dúas de tratamentos odontolóxicos de 214 e 957 euros e unha de gafas por 90 euros. A estrutura en todos os casos é a mesma. No obxecto das facturas a Xunta reflectiu “gastos de farmacia do menor Nome Apelido Apelido” ou “tratamento odontolóxico do menor Nome Apelido Apelido”, e no apartado dedicado ao adxudicatario recolleu o nome do farmacéutico ou odontólogo que prestou o servizo, o que á súa vez permitiría coñecer en que poboación reside cada menor atendido.

Praza Pública detectou oito casos nos que Política Social revelou o nome e apelidos de menores

A explicación que dá Política Social do seu “erro”, tras un longo eloxio do compromiso do Goberno galego coa transparencia, é a seguinte: “Para facer efectiva esta transparencia en relación cos gastos que afronta esta Consellería en relación cos menores tutelados ou en garda, establécese un sistema de acordo co cal todas as facturas tramitadas son publicadas no citado portal [de transparencia]. O procedemento a seguir nestes casos é implementar no programa contable da Xunta de Galicia o concepto da factura que se vai tramitar e pagar. Neste proceso detectouse un erro na transcrición dos conceptos, na medida en que se incorporou ao sistema todo o obxecto do servizo prestado, realizando automaticamente un envorcado íntegro deste concepto ao portal de transparencia co resultado de que foron publicados, en casos puntuais, os destinatarios dos servizos cando estes figuraban no concepto da correspondente factura. Unha vez detectado este erro [pola advertencia de Praza Pública] foi inmediatamente corrixido, eliminando estes datos do sistema e foron transmitidas ás catro xefaturas territoriais da Consellería de Política Social instrucións sobre a a transcrición dos conceptos das facturas eliminando calquera referencia identificativa da persoa ou persoas destinatarias do servizo, con especial atención para o caso de que se trate de menores de idade”.

A Lei de Transparencia estipula restricións para a difusión de "datos especialmente protexidos"

O artigo 6.3 da Lei de Transparencia, que regula a publicidade activa dos datos, establece que “serán de aplicación, en todo caso, os límites ao dereito de acceso á información pública previstos na normativa básica, así como os derivados da normativa en materia de protección de datos persoais. Deste xeito, cando a información obxecto deste capítulo conteña datos especialmente protexidos, a súa publicidade só se levará a cabo logo da disociación destes”. A Xunta si realizou esa “disociación” nalgún caso feito público ao tempo dos oito anteditos nos que non o fixo. Así, o obxecto doutra factura desas mesmas datas é “gasto extraordinario de psicoterapia para un menor”, sen indicar quen, seguido dun código.

Praza Pública agardou unha semana antes de publicar esta información para comprobar que Política Social non volvía cometer o mesmo “erro” e non se puña en risco a intimidade deses menores. Neste tempo a consellería non se limitou a suprimir os nomes dos menores dos expedientes afectados senón que fixo desaparecer por completo tanto eses expedientes detectados como os que se referían de xeito xenérico a gastos sanitarios para “un menor” sen identificalo.

Captura da web de transparencia de Política Social cos nomes propios borrados CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.