"En cinco meses estarei sentado na Presidencia e vostede, na oposición". A frase pronunciada por José Luis Méndez Romeu na derradeira sesión de control ao presidente da Xunta previa ás primarias do PSdeG tornou nunha pesada lousa sobre o futuro político do veterano socialista dende que, o pasado domingo, caese nas primarias pola candidatura á Presidencia fronte a Xoaquín Fernández Leiceaga. O gañador do proceso interno pediulle ao seu contrincante que continuase no posto o pouco que resta de lexislatura, pero Romeu optou pola retirada, polo que á dirección interina dos socialistas galegos lle corresponde agora a complexa tarefa de atopar remuda.
A decisión, dada xa por segura dende últimas horas do luns, foi confirmada na mañá deste martes en rolda de prensa polo propio Méndez Romeu. "A mellor solución é que se nomee a outra persoa", resumiu ante a prensa, tras constatar nas urnas que "a maioría" do partido non apoia o seu "labor". "Hai que asumir as consecuencias", transmitiulle o parlamentario ao resto do grupo, no que seguirá como deputado. Se continuase no posto habería risco de "contradicións e puntos de vista diferentes" que crearían "confusión entre a militancia e a sociedade", sinala.
Con Romeu fóra da portavocía corresponderíalle á Executiva Nacional do PSdeG formular unha proposta para a substitución, tal e como marcan os estatutos. No entanto, o partido non ten Executiva dende a dimisión, o pasado marzo, de José Ramón Gómez Besteiro, polo que é a xestora que encabeza Pilar Cancela a que ten que poñer un nome sobre a mesa. Dende o partido confírmase que a xestora abordará a remuda este mesmo martes tras consultar co grupo parlamentario, que se reunirá con este propósito nun contexto que non é, nin de lonxe, doado.
Só catro dos 18 integrantes do grupo se alinearon abertamente con Leiceaga nas primarias
Fontes socialistas consultadas por Praza.gal confirman que nin a xestora nin os propios membros do grupo parlamentario consideran que haxa moitas opcións posibles para substituír a Romeu. Se o criterio fose situar na portavocía a unha persoa afín a Leiceaga, isto é, que apoiase abertamente o novo candidato á Xunta, as opcións reduciríanse a catro dos 18 integrantes do grupo: a actual vicesecretaria segunda da Mesa da Cámara, a lucense Concepción Burgo, a deputada pontevedresa Patricia Vilán o parlamentario pola Coruña Emilio Vázquez ou a ourensá Noela Blanco. No caso de Vázquez e Blanco o seu principal obstáculo sería que contan cunha moi escasa experiencia parlamentaria, ao ocuparen os seus escanos dende hai apenas un ano, como substitutos de Francisco Caamaño e Pachi Vázquez.
Concepción Burgo ou Xosé Sánchez Bugallo figura entre os nomes barallados para substituír a Romeu no que resta de lexislatura
Se, pola contra, dende a dirección interina do PSdeG se optase por un dos deputados alineados con Méndez Romeu nas primarias as opcións serían máis diversas, se ben xa existen varios descartes. A priori, a xestora non é partidaria de que ocupe o posto a ata agora vicevoceira Carmen Gallego -que representou o PSdeG na Xunta de Portavoces deste martes-, segundo as fontes consultadas. Outro posible perfil para o posto, o vigués Abel Losada -que xa foi portavoz dende 2010, cando susbtituíu precisamente a Leiceaga, ata 2012-, desbota en declaracións a este diario a posibilidade de asumir a portavocía. Entre os nomes barallados está tamén o do exalcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de cuxo equipo Leiceaga formou parte como concelleiro de Facenda.
Sexa como for, a persoa á que se lle encomende o traballo de coordinar o Grupo Socialista e, sobre todo, de confrontar con Alberto Núñez Feijóo nas sesións de control terá unha tarefa efémera pero de comezo inmediato. Ata o remate do presente período de sesións apenas resta media decena de plenos, pero o vindeiro celébrase a vindeira semana. Se Feijóo decidise convocar as eleccións para os últimos días de outubro -as anteriores foron o día 21 de se mes-, tería que disolver a Cámara a finais de agosto e, polo tanto, xa non habería sesións plenarias ata despois dos comicios.