Baltar nomea a directora que controlará ao xefe de persoal da Deputación, imputado no seu caso

Paloma Domínguez, asinando o seu contrato ante Baltar e o deputado Jorge Pumar © Deputación de Ourense

Nas últimas eleccións municipais converteuse en alcalde de Monterrei o popular José Luis Suárez en sucesión do seu pai, o tamén chamado José Luis Suárez, que ocupara o cargo durante trinta e dous anos e quen previamente xa lle cedera a presidencia do PP local. Ao acceder a alcaldía o presidente provincial e do partido, José Manuel Baltar, advertiu a Suárez fillo da conveniencia de que deixase o seu outro cargo, o de xefe do servizo da Deputación, pero o novo rexedor ficou onde estaba. Dende este mércores Suárez, investigado -antiga imputación- na causa xudicial contra Baltar polo presunto ofrecemento de traballo a cambio de sexo, ten unha directiva que controlará o seu labor na institución provincial.

O propio José Manuel Baltar vén de presidir a sinatura do contrato de Paloma Domínguez Ferro como nova directora xeral de Recursos Humanos da Deputación ourensá, cargo creado o pasado ano por iniciativa directa do presidente. Domínguez Ferro, que desempeñou diversos cargos semellantes en institucións públicas e empresas privadas, foi a gañadora dun proceso selectivo a cuxa fase final chegaron sete persoas. Dela, informa a Deputación, dependerá "a xefatura directa do persoal" e todos os procesos ligados a el -dende a "planificación" á "inspección"-, polo que o posto do alcalde de Monterrei fica supeditado á nova directora e notablemente limitado.

A nova directora xeral asume as competencias de persoal da Deputación

A tensión entre do alcalde e xefe de persoal coa familia Baltar non se limita, unicamente, á acumulación de cargos. Remóntase, cando menos, ao proceso xudicial que desembocou, en 2014, na condena a José Luis Baltar, pai do actual presidente, por enchufar 104 persoas na Deputación provincial xusto antes de cederlle o liderado do PP ourensán ao seu fillo. Naquel procedemento xudicial, durante o cal Baltar pai foi sonoramente ovacionado ás portas dos xulgados polos seus fieis -entre eles, José Luis Suárez pai-, o xefe de persoal da Deputación declarou que, efectivamente, os enchufes se produciran. Era o presidente, especificou, segundo a sentenza, "quen daba o nome e o posto" que cumpría asignar. Previamente, Baltar pai culpárao a el do sucedido.

O xefe de de persoal e alcalde de Monterrei foi crucial na condena a Baltar pai

Así e todo, cando Baltar fillo xa tiña en marcha a creación da dirección xeral de Recursos Humanos que este mércores comeza a funcionar, Suárez volveuse cruzar no camiño. Como informou Praza.gal, a finais de abril o xefe de persoal foi imputado pola xuíza Eva Armesto na investigación que instrúe contra Baltar fillo. O alcalde de Monterrei declarou polo presunto tráfico de influencias o 12 de maio e, apenas tres semanas despois, a maxistrada ditaminou citar tamén como investigado a Baltar pai, presidente da Deputación no momento dos feitos. A condición de investigado supón que Suárez poida dar conta do sucedido na Deputación no eido do persoal coa asistencia do seu avogado.

Baltar recibe este mércores a visita de Tellado, número dous de Feijóo no PP

Tras estes movementos políticos e xudiciais o actual presidente do PP de Ourense volverá recibir, pola vía dos feitos, o aval da dirección galega do partido. Así, este mércores o novo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, preside xunto a Baltar a Xunta Directiva do partido na provincia, un acto que se enmarca nas visitas que Tellado vén realizando ás diversas agrupacións da formación conservadora dende a súa elección como novo 'número dous' de Alberto Núñez Feijóo, designación oficializada no congreso galego que tivo como anfitrión, precisamente, a José Manuel Baltar. Poucas horas antes, en declaracións á prensa en Santiago, Tellado limitouse a expresar "respecto" á Xustiza e indicar que o PP non irá "nin un paso por diante, nin un paso por tras" da mesma neste caso. Con idénticas palabras respondeu sobre o mesmo asunto, noutro acto público, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey.

José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación ourensá © Concello de Monterrei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.