O vindeiro goberno da Xunta terá que trazar un novo mapa das liñas de autobús

Estación de autobuses de Santiago © Monbús

Goberne quen goberne. O vindeiro goberno da Xunta terá na súa man a oportunidade que, tras amagar con aproveitala, deixaron pasar tanto o goberno de Fraga como o bipartito: trazar un novo mapa de liñas de autobús que substitúa ao obsoleto que aínda rexe, procedente en boa medida das concesións repartidas en tempos da ditadura. O único Executivo galego que ata agora nin sequera tentara realizar esta complexa operación, o actual, vén de se ver obrigado a abrir a porta para que o vindeiro poida facelo. A causa é a sentenza na que o Tribunal Supremo constatou, o marzo pasado, que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo quebrantou a normativa europea ao prorrogar 10 anos todas as concesións de autobuses pouco despois de chegar ao poder.

O ditame do alto tribunal, que culminou un proceso iniciado en 2010 por un recurso da Comisión Nacional da Competencia (CNC), deu lugar á caducidade de 131 dos 145 contratos de transporte interurbano vixentes no país, os beneficiados pola prórroga concedida, segundo o Supremo, dun xeito "contrario a dereito". Esta é a causa polo que o grupo do PP no Parlamento -non a Xunta, evitando así controis e máis trámites previos- vén de comezar a tramitar no Parlamento, pola vía de urxencia, unha proposición de lei que permitirá a continuidade transitoria das concesións caducadas pero, ademais, que lle encomenda ao goberno que saia das urnas o vindeiro outono a elaboración do novo mapa.

A Xustiza sentenciou en marzo que a Xunta quebrantou a normativa da UE coa súa prórroga xeralizada das liñas

Para esa "garantía de prestación de servizos no período transitorio" os populares inclúen na súa proposta un artigo que deixa "sen efecto" a prórroga xeralizada das concesións que eles mesmos aprobaran en 2009. Así, as empresas con concesións en vigor segundo os prazos previos á prórroga, poderán mantelas ata que se implante o novo modelo a non ser que renuncien expresamente a facelo. En caso de renuncia, as compañías terán, como "obriga de servizo público", que seguir operando durante un prazo máximo dun ano. Esta "transición", agora adaptada á legalidade, di o PP, achega "seguridade xurídica tanto aos actuais prestatarios como ás persoas usuarias do sistema".

O novo plan

Alén de salvar o baleiro creado polo quebrantamento da normativa da UE, a proposición que se tramita dende este martes senta as bases do que será o futuro Plan de Transporte Público de Galicia que, se o texto é aprobado coa súa formulación orixinal, terá que ser aprobado polo Consello da Xunta "no prazo de 21 meses dende a entrada en vigor desta lei", isto é, a comezos de 2018, na metade da vindeira lexislatura.

O novo plan de transporte tería que estar en vigor a comezos de 2018

A proposta inclúe, a xeito de anexo, as que serían liñas mestras do futuro plan. O documento, sinala, terá que "concretar a rede de transporte público de competencia da Xunta", establecendo "servizos e territorios potencialmente afectados polas futuras adxudicacións". "Xunto cos servizos de transporte público de uso xeral baseados en itinerarios e calendarios estables", agrega, o plan "integrará a prestación de servizos baixo demanda das persoas usuarias" e fixará a "programación da licitación dos contratos de servizos públicos de transporte regular". Como "mínimo", o 65% da puntuación ás ofertas de cada empresa terá quen valorar "a calidade do servizo", sinala. Así as cousas, a proposta déixalle a quen goberne dende finais deste ano unha marxe ampla dabondo como para pasar páxina a respecto do mapa de autobuses concibido a mediados do século XX ou, polo contrario, manter un panorama parecido.

PSdeG e BNG salientan a "chapuza" e "irresponsabilidade" do Goberno de Feijóo coa prórroga que o Supremo anulou

A iniciativa superou a súa primeira votación sen o rexeitamento unánime da oposición -ademais do PP, tamén votou a prol o PSdeG, BNG e Mixto abstivéronse e AGE votou en contra-, pero con críticas por todas as bandas alleas aos populares. "Fronte á súa incompetencia, a nosa responsabilidade", ilustrou Francisco Jorquera dende o BNG, quen xustifica a necesidade de "non obstaculizar" a aprobación da lei para que "as persoas sigan tendo servizo". No entanto, isto non impide que "sexamos enormemente críticos" coa "chapuza" que, ao seu xuízo, supuxeron as prórrogas agora anuladas pola Xustiza.

Tamén o PSdeG, a través de Raúl Fernández, indicou que os socialistas apoian a norma por "coherencia", pero sen obviar que o Goberno "andou aos biosbardos" ata que o Supremo constatou o seu "patético grao de irresponsabilidade". Mentres, o deputado de AGE Juan Fajardo sinalou que o rexeitamento do seu grupo se basea na, dende o seu punto de vista, intención do PP de seguir beneficiando "aos seus amigos" das grandes empresas de transporte galegas.

A conselleira de Infraestruturas, reunida con empresarios do sector dos autobuses © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.