O CIS mantén o PPdeG con 10 escanos por Galicia e asenta En Marea como segunda forza

Estimación de escanos para as eleccións xerais do 26-X CC-BY-SA Praza Pública

Sen apenas novidades na primeira praza, pero con significativas mudanzas na segunda tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Este é o panorama preelectoral que vén de debuxar o Centro de Investigacións Sociolóxicas a escasas horas do inicio da campaña das eleccións xerais do 26 de xuño. O PP seguiría sendo a forza máis votada e tamén a máis numerosa no Congreso, onde cedería apenas un escano, pero a opción máis forte no bloque da esquerda xa non sería o PSOE, que sería adiantado por Unidos Podemos e mais as súas confluencias en España e tamén en Galicia, onde a perda dun escano pola provincia de Pontevedra consolidaría, atendendo ao inquérito, a En Marea como segunda forza.

Sempre segundo este estudo, que tradicionalmente atina con notable precisión na distribución de escanos nas circunscricións galegas, Podemos e as confluencias acadarían case o 26% dos votos, algo máis de tres puntos por tras do PP, e obterían entre 88 e 92 escanos, entre 10 e 12 máis que o PSOE, que sufriría un retroceso de en torno a un punto. Na cuarta posición seguiría Ciudadanos, cun chisco máis de porcentaxe de voto pero, segundo o CIS, con risco de perder 1 ou 2 dos 40 escanos que lograra nas eleccións de decembro.

Unidos Podemos e as confluencias adiantarían o PSOE e estarían a 3 puntos do PP, segundo o inquérito

No caso galego o PP ficaría, por segunda vez, lonxe do obxectivo inicialmente marcado por Alberto Núñez Feijóo, lograr a maioría absoluta dos escanos en xogo, isto é, cando menos 12 dos 23. Fronte aos 15 logrados en 2011, os populares manterían os 10 escanos que as urnas lles outorgaron en decembro. Mentres, En Marea chegaría 7 escanos grazas a un escano que perdería o PSdeG, terceira forza con 5 representantes. Ciudadanos, igual que o 20-D, tería unha cadeira galega no Congreso.

A principal variación na distribución da representación galega a respecto do 20-D produciríase, segundo o CIS, na provincia de Pontevedra. Mentres que nas votacións de decembro o PSOE estivo en serio risco de perder un escano que pasaría a Ciudadanos -a diferenza foi de 8.000 votos-, a enquisa augura agora que esa perda se produciría pero o trasvase sería cara a En Marea, que tería 3 escanos na provincia pontevedresa, tantos como o PP. Os populares tamén lograrían 3 escanos na Coruña e dous en cada unha das provincias interiores, nas que o resto da representación sería, a partes iguais, para En Marea e os socialistas. O BNG, segundo o CIS, non lograría recuperar a representación que perdeu nos anteriores comicios.

Os últimos estudos preelectorais do CIS para as eleccións xerais atinaron con notable precisión a distribución de escanos no Congreso para as circunscricións galegas. Así, tras aceptar por completo en 2011, no inquérito difundido antes das eleccións do pasado decembro augurábase xa que o PP pasaría de 15 a 10 escanos, como finalmente aconteceu, e situábase a En Marea e PSdeG con forzas parellas na segunda praza, con cadanseus 5 ou 6 escanos -finalmente, obtiveron 6 ambas forzas-. A principal variación entre aquela enquisa e o resultado real foi o outorgamento dun segundo escano a Ciudadanos, o que segundo o CIS ía conseguir na provincia de Pontevedra.

Nova configuración do Congreso, segundo o CIS CC-BY-SA eldiario.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.