O BNG amosa Allariz como mostra "do país que queremos"

Presas, Pontón e García, no mitin do BNG en Allariz CC-BY-NC-SA BNG

Allariz é unha das paradas fixas en cada campaña electoral do BNG dende hai xa dúas décadas. O labor do goberno do Bloque na vila ourensá segue a ser, en boa medida e con protagonismo compartido con Pontevedra, onde a caravana electoral da formación nacionalista tamén parou esta fin de semana, a referencia que as súas candidatas e candidatos presentan como aval de boa xestión. "Allariz é un exemplo do país que eu quero", sintetizou este sábado a número un de BNG-NÓS por Ourense, Noa Presas.

Nun mitin ao aire libre tras unha xornada calorosa que comezara coa presentación do programa económico que, di Ana Pontón, constitúe o conxunto de "liñas vermellas" para unha eventual negociación política co novo Goberno de España. Que "Galiza conte" é, precisamente, a intención sobre a que construíu Presas o seu disucrso en Allariz. "Non vai haber maiorías absolutas e o voto dunha nacionalista pode ser decisivo para inclinar o Goberno cara a políticas de esquerdas" e , ao tempo, para introducir medidas concretas para o país.

"Galiza só lles importa aos galegos", coida a candidadata. E, por iso, "para cambiar o noso destino é preciso ter unha voz propia en Madrid", voz que, ao seu xuízo, só pode garantir o BNG, obtendo representación nas Cortes. "Non vos teño qu edar cifras de desemprego, de salarios, de pensións, do que pasa por aquí abaixo", di a candidata, toda vez que "nós temos os pés no chan, non nos platós da televisión". "Por iso non dou cifras, sabedes o que pasa". E o que acontece, asegura, é que "Galiza está nunha situación de emerxencia nacional" e Ourense a cuestión é "case de vida ou morte, de emerxencia vital".

"Galiza está nunha situación de emerxencia nacional e Ourense, de case vida ou morte, de emerxencia vital"

A intervención da número un da lista ourensá foi acompañada pola da portavoz nacional, quen insta a base social do Bloque a ter "convicción e confianza en que a alternativa para Galiza é o nacionalismo". "Hai moitas persoas decepcionadas, que viron como se xogou coas súas esperanzas", coida. Por iso cre que o BNG pode "coller esa xente da man" e recuperar o seu apoio nas urnas. Porque ese é o sector do electorado "que cre que Galiza pode, e dende o BNG témoslle que devolver a esperanza, dicirlles que somos un país rico no que a mocidade non tería por que emigrar". "Galiza importa e nós queremos comper co destino que nos impide avanzar", di, poñendo como exemplo medidas concretas como o traslado de ENCE.

Na súa quenda, o alcalde da vila e número catro da candidatura, Francisco García, considerou que esta carreira electoral debera servir tamén para contrarrestar "unha mentira asombrosa: iso de que vivimos da solidariedade do Estado". "A realidade é inversa -asegura-: Galiza achega materias primas, enerxía, aforro". O unico que cómpre, conclúe, é "un novo modelo de financiamento" a comenzar polos concellos, os máis "discriminados".

Pontón, intervindo en Allariz CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.