O BNG 'gaña' o voto de Clint Eastwood

Dominio Público Praza Pública

Non nos gustan os playbacks, temos voz propia. Ese é o título do exitoso vídeo electoral co que o BNG resume o seu programa electoral e cinco minutos. É unha montaxe cargada de referencias cinematográficas con escenas de The Full Monty, O Gran Lebowski, A Guerra das Galaxias, Monsters, Os Picapedra ou A Pantera Rosa e con personaxes como Clint Eastwood ou Chaplin expresando as súas inquedanzas en galego e mesmo garantindo o seu voto ao Bloque. Tamén iconas musicais como Amy Winehouse. 

O vídeo electoral do BNG resume o seu programa e os problemas de Galicia con moreas de referencias cinematográficas

Mesmo Clint Eastwood acaba recoñecendo que votará o BNG. "Heino facer!", contesta o actor estadounidense cando se pregunta "que convén facer cando votemos?". Non temos por que escoller entre cambio e darlle voz a Galiza, porque co voto ao BNG podemos telo todo”, conclúe o vídeo. “Non nos gustan os playbacks. O noso pobo ten voz propia”. 

O BNG destaca que en 48 horas o vídeo electoral xa suma 19.000 visualizacións en Facebook. No propio canal de Youtube son case 1.200 as visualizacións. É, segundo explican, unha montaxe "en clave de humor retranqueiro" no que se denuncia a situación demográfica, a do mercado laboral, a emigración da xente moza, o desmantelamento dos servizos públicos, a corrupción e a evasión fiscal, o espolio enerxético e a falta de apoio aos principais sectores produtivos co país. Ao tempo, recolle algunhas das medidas máis destacadas que o BNG presenta ao 26-X.

Dación en pagamento e freo aos desafiuzamentos sen alternativa, incremento do SMI, restitución dos dereitos sanitarios privatizados ou recortados, derogación das reformas laborais do PP e PSOE, subir as pensións mínimas ata os 900 euros e restituír a idade de xubilación ata os 65 anos, “que tampouco hai que traballar tanto que despois poñémonos doentes e tennos que dar tempo a restituír todos os dereitos sanitarios e suprimir os copagamentos”, ironízase no vídeo.

Tamén se reclama unha tarifa eléctrica galega e aposta polas enerxías renovables suprimindo o chamado imposto ao sol, -“total para tres meses ao ano que o temos”,- alégase no vídeo. Ademais, enuméranse entre as propostas económicas, rebaixar os impostos ao pequeno comercio e as pemes, banca pública para xestionar o aforro galego ou contratos que garantan prezos xustos para os gandeiros.

Acto do BNG en Compostela Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.