As solicitudes de voto por correo aumentan máis dun 32% en Galicia

Moto de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

O voto por correo terá nestas eleccións un peso moi superior ao de anteriores comicios. Ata o xoves, sen contar as admitidas o último día, rexistráranse en Galicia 72.096 peticións, fronte a un total de 54.641 o pasado mes de decembro. O incremento é do 32%, unha suba que cos datos completos superará o terzo. No conxunto de España o crecemento é moi superior, ao redor do 85,5%, pasando de 783.000 a 1.309.879. Os datos do 20D xa significaran un crecemento do 14,4% con respecto aos de 2011

Por provincias, A Coruña pasa de 21.487 a 28.818 (+34,2%), Pontevedra de 16.907 a 23.542 (+39,2%), Ourense de 8.070 a 10.062 (+24,7%) e Lugo de 8.177 a 9.674 (+18,3%), sen contar coas solicitudes admitidas o último día, que incrementarán estes resultados.

Está por ver se este incremento responde unicamente á coincidencia das eleccións nun mes vacacional, nunha fin de semana que segue ao San Xoán e na que se prevé bo tempo. Ou se pode indicar unha maior mobilización do electorado. De momento, algunhas enquisas auguran un pequeno descenso da participación.

Moto de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.