Fernández Díaz asegurou que Rajoy coñecía as súas manobras para incriminar políticos independentistas

Fernández Díaz e Rajoy, nun acto de campaña © PPC

O presidente do Goberno de España en funcións, Mariano Rajoy, coñecía as actuacións levadas a cabo polo seu ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, para incriminar políticos independentistas en falsos casos de corrupción, segundo transmitiu o mesmo Fernández Díaz ao director da Oficina Antifrau de Catalunya, Daniel de Alfonso. "O presidente do Goberno sábeo. Eu díxenllo a el, é un home discreto onde os haxa", explica o ministro nun momento da conversa.

Segundo as novas gravacións que publicou o diario Público este mércores, Fernández Díaz prometeu discreción total a De Alfonso, a quen lle di que "para non comprometerte a ti, isto queda entre ti e mais eu". O ministro describe ao director de Antifrau un círculo de confianza entre o inspector José Ángel Fuentes Gago, eles dúas e o presidente do Goberno, a quen describe como "a discreción personificada".

"Eu coñézoo moi ben, de moitos anos. Levo traballando e colaborando con el desde febreiro do 91 ininterrompidamente, na oposición, no goberno, na oposición", explícalle Fernández Díaz a De Alfonso sobre Mariano Rajoy, para explicarlle o grao de sintonía que hai entre ambos e o apoio do presidente á investigación extraxudicial contra independentistas que os dous homes están a desenvolver.

As gravacións reveladas por Público amosan a Fernández Díaz tentando fabricar escándalos contra partidos e cargos soberanistas cataláns

Tal e como saíu á luz este martes, o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, tratou de fabricar escándalos contra partidos e cargos independentistas xunto ao director da Oficina Antifraude de Catalunya, Daniel de Alfonso, nas vésperas do proceso participativo do 9-N. Segundo unhas gravacións que foron agora publicadas, os dous homes maquinaron en busca de casos de corrupción, reais ou figurados, que puidesen involucrar a independentistas, como o pai e irmán do líder de ERC, Oriol Junqueras, ou os consellers de Convergència, Felip Puig e Francesc Homs.

Rajoy asegura que ata este martes descoñecía as conversas e a propia existencia da Oficina Antifraude

Rajoy, pola súa banda, asegurou este mércores en declaracións a Onda Cero que ata a publicación da exclusiva de Público non só descoñecía a operación, senón a propia existencia da Oficina Antifraude catalá. En calquera caso, o tamén candidato do PP ás eleccións deste domingo réstalle importancia á revelación, toda vez que as gravacións unicamente recollen, di, dúas persoas falando "de temas da súa competencia".

Esta información chega dous anos despois de que eldiario.es revelase a existencia dunha unidade segreda da Policía Nacional dedicada a procurar posible información comprometedora de políticos soberanistas cataláns. Segundo a información asinada polo xornalista Pedro Águeda, esta unidade existe dende 2012, xa con Fernández Díaz como ministro, e está integrada por membros de Asuntos Internos e doutro departamento policial. As súas pesquisas, indicaba a mesma información, viñan sendo filtradas a determinados medios en momentos clave do proceso soberanista de Catalunya.

Fernández Díaz, nun acto de campaña © PPC

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.