En Marea chama á construción dun "pacto feminista en Galicia"

Un intre do acto de En Marea sobre feminismo CC-BY-SA En Marea

Ligar "o papel das mulleres nas institucións co traballo que durante décadas fixeron as nosas compañeiras na rúa". Así resume a voceira de Igualdade e número dous ao Congreso por En Marea, Ángela Rodríguez, a proposta de "pacto feminista" que a coalición lanza coa vista posta nas eleccións xerais do domingo e que representantes das forzas políticas que a conforman presentaron este mércores baixo o lema "con nosoutras hai marea".

"Moitas mulleres que agora traballamos dende a nova política vimos de traballar antes nas rúas e atopámonos con que a política é un espazo de lóxicas moi masculinas", di Rodríguez, en cuxa opinión non abonda con "feminizar", senón que tamén cómpre "feministizar". "As cuestións que teñen que ver coa igualdade de homes e mulleres" deben ser observadas dende esta óptica en institucións nas que se tezan "redes femininistas" e nas que "tamén funcione a sororidade", afirma.

Sobre esta filosofía En Marea lanza unha proposta de sete puntos: "Sete cuestións fundamentais; como son o pacto contra as violencias machistas e que ningunha muller estea en situación de exclusión pola súa opción sexual, a súa etnia ou a súa condición de muller". Neste programa, abonda Rodríguez, deberan tamén considerarse "os coidados e a súa remuneración" e a "solución habitacional para as mulleres que son vítimas de violencia machista" no "prazo máximo dun mes". "Os mandatos cidadáns non só se emiten nas urnas", afirma a candidata, quen cre necesario "un feminismo transformador" fronte ao "inmobilismo".

A coalición reclama un "pacto contra as violencias machistas" que inclúa medidas como a garantía de "solución habitacional" para quen sofran agresións de xénero

Neste sentido Vanessa Angustia, candidata da coalición ao Senado por Pontevedra, cita outra das medidas que, cren, debera inserirse nese "pacto": a derrogación da contrarreforma do aborto e, asemade, a "eliminación da fenda salarial, sen esquecer as paradas e precarias, que sofren de maneira cruenta a consecuencia da crise". Medidas de conciliación familiar e laboral , a atención ao "nesgo de xénero nos tratamentos sanitarios" son outras das accións que, segundo a número dous pola Coruña, Yolanda Díaz, deberan fraguar nun acordo "que inclúa a todas as forzas políticas", pero tamén "á sociedade civil". No caso concreto da loita contr aa violencia, agrega, debera ficar "unha partida específica garantida, para que non dependa de eventuais cambios de goberno".

Todas estas medidas deberan ir acompañadas, segundo En Marea, por desterrar da vida pública os comportamentos machistas. Neste sentido Eva Solla, deputada de AGE, cre que cómpre "recordar" que "temos un presidente da Xunta que se negou a condenar o acoso sexual do presidente da Deputación de Ourense a unha muller" á que, segundo consta na instrución xudicial en marcha, "lle ofreceu un posto de traballo a cambio de sexo". Igualmente, di, "temos un vicepresidente que desprezou o sufrimento das mulleres que se viron obrigdas a abortar soas nun cuarto de hospital".

Ángela Rodríguez, candidata por Pontevedra CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.