O BNG reivindicou este mércores en Vigo o labor e experiencia dos deputados da súa formación no Congreso nos últimos vinte anos. Logo de quedar sen representación na Cámara Baixa nas últimas eleccions de decembro, o Bloque lembrou que "un, dous ou tres deputados nacionalistas poden ter a chave do próximo goberno” no Estado. Pero, sobre todo, presumiu dunha presenza continua nas dúas últimas décadas que "serviu para que Galiza aparecese no escenario estatal".
"A presenza dos deputados do BNG serviu para que Galiza aparecese no escenario estatal", di Pontón
"Sabemos que ter voz no Congreso é importante non só para que se fale dos nosos problemas senón para acadar a súa solución e o noso país avance, nesa liña de avance quere continuar o BNG”, dixo Ana Pontón, que lembrou que os votos dos galegos e galegas deben ser utilizados para “derrotar a dereita” pero sobre todo para que “os nosos intereses e aspiracións teñan alternativas fronte á emigración, a precariedade, o desastre das políticas que nos deixan Rajoy e Feijóo nos nosos sectores produtivos”.
Pontón aludiu a aqueles votantes que "botaron de menos o BNG nos últimos cinco meses" e aos que valoran o traballo feito en anteriores etapas no Congreso. Reuniu o BNG varios dos seus ex-deputados entre 1996 e 2015: Francisco Rodríguez, Guillerme Vázquez, Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila nun acto coa mocidade na que se reivindicou a "voz propia" para o país en Madrid e á que tamén asistiron a ex-eurodeputada Ana Miranda ou o candidato por Pontevedra, Luís Bará.
Os ex-deputados insistiron en destacar a influencia do BNG para aumentar os orzamentos do Estado para Galicia
Francisco Rodríguez destacou que a presenza do BNG no Congreso durante estes vinte anos supuxo que “Galiza existise no Congreso de maneira contundente”, e as cousas que se poden mudar pola vía institucional “mudaron radicalmente” de tal xeito que nos orzamentos do Estado non tiñan en conta a Galiza pero cando o BNG foi necesario, produciuse esa mudanza, “se querían os nosos votos, tiñan que mudar os investimentos na Galiza” e iso aconteceu por primeira vez na historia a partir do ano 2006.
O ex-deputado Guillerme Vázquez lembrou que no Congreso, o BNG conseguiu que se falara da pesca galega e do sector lácteo. "O voto útil do pobo galego para combater as políticas de dereitas e con perspectiva de país está no BNG”, dixo, tras lembrar que en Madrid falouse das vacas tolas e do Prestige porque o BNG "tiña influencia e o resto dos deputados e deputadas consultaban ao BNG para falar destes temas”.
Pola súa banda, a ex-deputada Olaia Fernández Davila destacou a achega do Bloque á primeira Lei de Igualdade na primeira lexislatura e a Lei do aborto na segunda, e ás que "foron incorporadas as emendas presentadas polo BNG”. Davila salientou o traballo político do BNG, tanto no Congreso como no labor social nas grandes mobilizacións dos preferentistas e polos dereitos dos emigrantes retornados.
Finalmente, Francisco Jorquera tamén aludiu ao traballo realizado dende 2008-2012 e destacou que nos orzamentos do ano 2009, o BNG tivo un papel decisivo para a súa aprobación pero a cambio deste apoio, “Galiza elevou o seu investimento máis do 8% e foron transferidas cinco competencias mentres que dende que goberna Feijóo, as competencias transferidas a Galiza foron cero”.