“Pídolles a aqueles que nos votaron no 2011 que agora teñen tantas ou máis razóns para esquecer os nosos erros e para fixarse en que as alternativas ao PP é unha alternativa que non vos merecedes, que non merecen as vosas familias, que non merece esta cidade, que non merece España”. A petición de votar o PP malia os seus erros, por eliminación do resto de opcións, lanzouna na noite deste mércores o presidente Feijóo en Vigo, nun mitin acompañado pola candidata e ministra de Fomento en funcións Ana Pastor.
O presidente acentúa en Vigo o discurso da ruptura de España sobre o do medo á revolución e nun paseo por Santiago recibe apupos contra a corrupción
Feijóo formulou a súa petición en Vigo en castelán nun acto no que, segundo destacou o propio partido en nota de prensa, o seu discurso non xirou tanto en torno ao medo á esquerda como ao medo á ruptura de España. De feito, Feijóo apelou a recibir o voto de anteriores votantes "moderados" do PSOE, "aqueles que saben que o PSOE é un partido para o conxunto dos españois", que non queiran que agora Podemos “lles dea leccións”. E deixou claro que “somos galegos e españois e por iso queremos seguir traballando xuntos”, dixo, para criticar os “revanchistas” que ao seu xuízo queren rachar o que leva unido “500 anos”. Unha mensaxe que combinou co xa habitual chamamento a non votar a Ciudadanos para evitar a fragmentación do voto da dereita e que os beneficiados acaben sendo "as mareas de Podemos"
A da unidade de España foi unha mensaxe que tamén defendeu Ana Pastor, quen puxo en valor o seu impulso das melloras ferroviarias en Galicia. Do mesmo xeito, a ministra en funcións apelou a que España non se convirta en Venezuela, "un país rico" empobrecido ao seu xuízo polo seu goberno.
"Que se teña que marchar o que gaña as eleccións é outro disparate", dixo Feijóo en defensa de Rajoy como único candidato do PP ante as voces de Ciudadanos que piden que dea un paso ao lado
Esa mesma mensaxe en defensa dunha Galicia que forma parte de España repetiuna Feijóo poucas horas despois desde o atril de presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno. Feijóo pediu aos votantes a maior participación posible e referendou o seu compromiso con Rajoy como único candidato do PP para presidir o Goberno ante as voces de Ciudadanos que piden que se retire para darlle o seu apoio a un executivo popular. “Que se teña que marchar o que gaña as eleccións é outro disparate”, sentenciou Feijóo.
Apupos contra a corrupción en Santiago
“Viva Bárcenas, Bárcenas, viva Bárcenas, Bárcenas quérote, viva o sobre, Bárcenas!”, gritoulle un home a Feijóo durante un paseo
Xa na tarde deste xoves, Feijóo deu un paseo por Santiago repartindo propaganda con outros dirixentes populares. A lixeira choiva que caeu non foi o único impedimento que tivo o presidente xa que case ao final do seu percorrido, á altura de Porta Faxeira, cando Feijóo abandonaba a zona tras falar cun vendedor de xeados, un home de mediana idade que non parecía disposto a esquecer erros, como pedira en Vigo, comezoulle a berrar: “Viva Bárcenas, Bárcenas, viva Bárcenas, Bárcenas quérote, viva o sobre, Bárcenas!”. A comitiva do presidente continuou o seu camiño sen prestarlle atención. Antes tivera tempo de recomendar a uns turistas o restaurante no que cearon en agosto de 2014 o presidente Rajoy e a chanceler alemá Angela Merkel. "Este é bo", aseguroulles Feijóo.