Leiceaga asume que repetir escanos "sería un bo resultado" para o PSdeG

Leiceaga, nun centro de saúde de Cambre © PSdeG

Xoaquín Fernández Leiceaga amosouse "realista" este xoves coas previsións de escanos do PSdeG en Galicia e cre que manter os seis deputados do pasado 20 de decembro "sería un bo resultado".  A preguntas dos medios, o candidato socialista á Xunta confiou en que o partido no país poida "contribuír ao resultado xeral en España mantendo a representación".

"Creo que hai que ser realistas, aspirar, aspiramos a todo, pero o realismo indícanos que manter a representación sería un bo resultado"

"Creo que hai que ser realistas, aspirar, aspiramos a todo, pero o realismo indícanos que manter a representación sería un bo resultado", dixo en Santiago, ao ser preguntado por unhas expectativas que as enquisas ameazan con empeorar, mesmo podendo perder un escano en favor doutras formacións. 

Con todo, Leiceaga pediu o apoio cidadán para contribuír desde Galicia ao proxecto socialista "porque é o único garante do cambio" e que, ao seu ver, xa deu sobradas mostras da súa capacidade para "integrar a sectores moi amplos da sociedade". Nese sentido, criticou a negativa de Pablo Igrexas a un goberno presidido por Pedro Sánchez, ao considerar que "sacrifica todo" polas súas ansias de poder.

Leiceaga acusou a Feijóo e Rajoy de estar "fóra da realidade" tras a súa reacción ao caso de Fernández Díaz

Ademais, Leiceaga reprochou aos líderes do PP en España e Galicia, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, que están "nunha nube de incomprensión" e "fóra da realidade" pola súa reacción ao comportamento do ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, tras a polémica pola súa conspiraicón coa Oficina Antifraude de Catalunya contra o independentismo. Así, criticou que nin Rajoy nin Feijóo parecen "decatarse do que representan estes comportamentos para a credibilidade dun partido de goberno nun Estado democrático e de dereito".

"Felizmente, apenas quedan tres días para o termo da campaña electoral, e, a partir do domingo, os responsables do PP espertarán e verán a crúa realidade de que van deixar de ser o partido que goberna España porque os cidadáns vanos a pór no seu sitio", avisou.

Leiceaga, nun centro de saúde de Cambre © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.