O BNG gaba o traballo da súa militancia na rúa fronte “aos partidos da 'telecracia'”

Os catro cabezas de lista do BNG e a voceira nacional este venres en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Os nacionalistas fan balance da campaña insistindo en que “haberá sorpresa” e que o seu obxectivo é “estar no Congreso”

“Ata en Doiras, nos Ancares, onde Cristo perdeu a chancla”. Ata alí chegaron nesta campaña para dar a coñecer as súas propostas á militancia do BNG, á que os seus candidatos ao Congreso quixeron agradecer este venres o seu esforzo por boca da cabeza de lista por Lugo, Olaia Rodil. Foi ela a que verbalizou ese agradecemento, acompañada polos seus homólogos da Coruña, Carlos Callón; Ourense, Noa Presas; Pontevedra, Luis Bará; e pola voceira nacional, Ana Pontón, nunha rolda de prensa en Santiago a xeito de balance da campaña que agora remata. Rodil salientou que esta segunda campaña en seis meses tivo un perfil baixo, con pouca propaganda nas rúas e cos partidos estatais máis centrados nas televisións, por iso salientou a importancia do traballo de base da militancia do BNG para estender a súa mensaxe.

"É bo para Galicia que exista unha forza como o BNG", salientou a voceira nacional, Ana Pontón

Unha mensaxe que Ana Pontón resumiu en que “é bo para Galicia que exista unha forza como o BNG” xa que nestes seis meses “os galegos botaron en falla unha voz galega no Congreso”. Pontón salientou que tanto o “bipartidismo carca” como o “bipartidismo guay” condicionan as cuestións galegas a intereses alleos noutros puntos de España.

Preguntada polas expectativas electorais do BNG e se o seu obxectivo é obter algún escano ou simplemente mellorar en votos con respecto aos anteriores comicios, Pontón asegurou que “o obxectivo é estar no Congreso” para seguir realizando alí o mesmo traballo que “nos últimos 20 anos”. A voceira nacional xa comezara a súa intervención asegurando que “os galegos darán a sorpresa desafiando os partidos da telecracia e as enquisas”. Porén, máis alá do que se poida conseguir nesta campaña logo da perda en decembro dos dous escanos anteriores no Congreso, voces do BNG recoñecen que aspiran a que o esforzo realizado agora e a implicación persoal de Pontón, candidata á Xunta, teñan unha rendibilidade máis clara a medio prazo, nas autonómicas do outono, algo similar ao que está a ocorrer coas campañas que están a realizar o popular Alberto Núñez Feijóo e o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.