O PSdeG aguanta e volve ser segunda forza en Galicia

Leiceaga e Cancela, durante a campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG saíu ás eleccións xerais apostando por manter e asumir que repetir os 6 escanos do 20D "sería un bo resultado". Tívoo. O temor a que o sorpasso de En Marea en Galicia se trasladase tamén ao Estado fixo ser precavido a un partido que parecía tamén lastrado pola división interna amosada nas recentes primarias ou pola interinidade da dirección tras a dimisión de Besteiro. Pero os socialistas aguantaron. Recuperaron o segundo posto no país, superaron a confluencia de esquerdas e aumentaron un punto de apoio (do 21,3% ao 22,3%) para liderar agora a alternativa nunha Galicia na que ven, tamén, como o PP asenta a súa posición maioritaria. 

O PSdeG recupera o segundo posto en Galicia e incrementa o seu apoio nun punto

O liderado de Leiceaga recibe agora un pulo no PSdeG. Por circunscricións, os socialistas manteñen a representación de hai seis meses en todas as provincias, aínda que nas dúas atlánticas mantéñense como terceira forza por detrás de En Marea e malia subir máis de un punto na Coruña (do 20,4% ao 21,9%) e en Pontevedra (20,8% ao 21,95%). No interior, mantén resultados e porcentaxe (sobre o 23%), en Lugo e Ourense, mantendo distancia sobre a confluencia de esquerda. 

Os socialistas mantéñense por baixo de En Marea nas provincias atlánticas

O voto urbano mantén En Marea por diante do PSdeG, pero non así nas vilas medios nin no rural, onde maioritariamente os socialistas continúan a manter a súa preponderancia na esquerda. No conxunto de Galicia, pouco menos de 2.000 votos separan agora o PSOE da coalición fronte aos 60.000 que os afastaran hai tan só medio ano. E malia perder sufraxios, mantivo o pulso na batalla da esquerda, con máis de 332.000 sufraxios. 

Nas cidades, o PP é a forza máis votada nas sete urbes, aínda que o resultado de Vigo é moi axustado. E En Marea é segunda e supera o PSdeG na Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra e Vigo. Os socialistas mantéñense como segunda forza en Ourense e Lugo.

Cancela apela ao "diálogo" pero ataca a Iglesias

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, compareceu perto da medianoite para destacar os bos resultados do PSdeG nunha "campaña polarizada e dunha intensidade tremenda a favor do sorpasso". "Fomos nós os que lles demos o sorpasso a todas as previsións", dixo, logo de insistir en que os socialistas "seguen a ser segunda forza e referente da esquerda en España e en Galicia". 

Para Cancela, os resultados "consolidan" o PSdeG como "referente para pilotar o cambio" tanto no Estado como, de darse os números, nas autonómicas. "Hai esperanza e unha posibilidade de cambio para as autonómicas e este partido será quen de encabezar esa alternativa", insistiu, logo de lanzar duros ataques contra Pablo Iglesias. "Lamentamos a oportunidade perdida por un cambio que hoxe podería ser unha realidade e non o é pola soberbia e intransixencia de Iglesias, que antepuxo os seus intereses partidistas e persoais ao interese xeral", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.