A abstención, a outra triunfadora do 26X en Galicia

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Houbo un partido que foi o outro gran triunfador da noite electoral galega: a abstención. Aumenta nun 12,1% o seu apoio e increméntanse en máis de 74.000 as persoas que optaron por esta opción. Foron perto de 700.000 (685.791 exactamente) os cidadáns que decidiron non acudir ás urnas neste pasado domingo, no que a participación -que subiu no conxunto do Estado- baixou en máis de tres puntos en Galicia: do 73% do 20D ao 69,63% do 26X.

A participación baixou en máis de tres puntos, a abstención subiu un 12% e o número de persoas que non foi votar aumentou en 74.000

Foi a opción maioritaria, aquela que non se pode atribuír a unha postura común, máis aló de mesturar a protesta, o fastío ou a pura indeferenza. E deuse nunha xornada electoral na que, ademais de baixar a participación, tamén descenderon os votos nulos (-2.301) e os votos en branco (-2.654). Unha e outra opción suman aínda uns 25.000 sufraxios. 

O espazo progresista (En Marea, PSdeG e BNG) perdeu máis de 97.000 votos con respecto ao 20D

Con todo, a abstención parece clave para entender tamén os resultados en Galicia. Nuns comicios onde o PP recuperou catro puntos e máis de 30.000 votos, o espazo progresista no seu conxunto (En Marea, PSdeG e BNG) perdeu 97.483 votos con respecto ás eleccións de decembro. Máis de 65.000 deixaron de apoiar a coalición de esquerda, uns 5.000 abandonaron os socialistas e arredor de 25.000 afondaron na caída da fronte nacionalista.

Máis aló de análises imposibles de confirmar, semella que a baixada de participación volveu danar con forza a esquerda, que viu como a apelación ao voto útil callou sobre todo entre os votantes da dereita, pero non no seu espazo, onde milleiros decidiron non acudir ás urnas, ben fose como castigo ou como consecuencia do fastío político... Ou pode que polo bo tempo e o sol de finais de xuño. Foi unha constante no Estado, agás en Catalunya e Euskadi. 

Só unha forza progresista subiu os seus apoios en Galicia este domingo: o Partido Animalista. O PACMA sumou 16.616 sufraxios o 26X, algo máis de 3.000 por riba dos votos acadados en decembro. Pola contra, Recortes Cero apenas variou o seu apoio -con 66 sufraxios menos e uns 3.700 votos-, mentres que o PCPE perdeu a metade do apoio, quedando en algo máis de 1.600.

UPyD e Ciudadanos perderon case 23.000 votos fronte aos 34.000 que gaña o PP

Noutras formacións conservadoras, UPyD sufriu un importante golpe ao perder 7.500 votos e non sumar nin un milleiro neste comicios, mentres que a ultradereita de VOX tamén caeu e apenas superou por oito votos os mil en toda Galicia. A caída de Ciudadanos chega aos 15.000 apoios. Son case 23.000 votos menos perdidos entre estes tres partidos, fronte aos 34.000 que gaña o Partido Popular. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.