Blanco e Pastor usaron sete veces avión oficial para voar a Galicia como ministros

Detalle dos voos oficiais a Galicia en avión militar dos ministros de Fomento desde 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Os dous últimos ministros de Fomento, os galegos José Blanco (de abril de 2009 a decembro de 2011) e Ana Pastor (desde entón ata agora), empregaron avións oficiais de carácter militar para viaxar a actos públicos en Galicia en sete ocasións: cinco no caso do primeiro e dúas no caso da segunda. Os datos facilítaos o gabinete de Pastor en resposta a unha petición de información con amparo na lei de transparencia. Fomento explica, sen que se lle pida, a que se deberon as viaxes de Pastor, pero non fai o mesmo coas de Blanco. Unha petición similar formulada ao Ministerio de Industria sobre os voos a Canarias do seu último titular, o canario José Manuel Soria, obtivo a súa negativa a facilitar os datos previos a decembro de 2014, cando entrou en vigor a lei de transparencia, obstáculo temporal que non existiu para Fomento. Pola súa banda, ao solicitarse información de máis voos ao Ministerio de Defensa, este contesta que os datos sobre movementos de aeronaves militares deben ser considerados secretos, o que evidencia a disparidade de criterios do Goberno na aplicación da súa propia lei de transparencia.

Os datos dos sete voos desde 2009 divúlgaos tras unha petición de transparencia o equipo de Pastor, que sae beneficiada da comparación, pese a que Defensa considéraos secretos e Industria nega os previos a decembro de 2014

As viaxes oficiais a Galicia dos dous últimos ministros de Fomento, como membros do Goberno ou como altos dirixentes de PSOE e PP, foron máis habituais que ao resto de comunidades. Aínda que ambos pasaban en Madrid a maioría da semana, os dous teñen tamén residencias en Galicia. Nas súas axendas dirixidas aos medios de comunicación eran especialmente frecuentes os actos públicos organizados en Galicia nas proximidades das fins de semana ou festivos (venres pola tarde unha vez rematados os consellos de ministros deses días, sábados, luns a primeira hora, etc.) Praza.gal fixo uso da lei de transparencia e preguntou de xeito oficial ao Ministerio de Fomento o detalle dos voos que os ministros realizaron a calquera dos aeroportos galegos desde abril de 2009, cando tomou posesión Blanco, empregando algún dos sete aparatos (dous Airbus A310 e cinco Falcon 900B) que a Forza Aérea Española ten para transporte de autoridades. Tras apurar ao máximo o período dun mes (prorrogable por outro mes) que a lei lle outorga, Fomento respondeu co que denomina “información facilitada polo Ministerio de Defensa”, un listado coas horas de despegue e aterraxe dos avións oficiais nas súas viaxes tanto de ida como de volta do aeroporto madrileño de Torrejón, de uso militar, aos aeroportos galegos.

Fomento argumenta que os dous voos de Pastor motiváronos emerxencias mortais pero non explica nada sobre os de Blanco

No caso dos dous voos empregados por Pastor, Fomento aclara que un foi realizado “con motivo do accidente do tren Alvia ocorrido en Santiago” a última hora do 24 de xullo de 2013 no que faleceron 80 persoas e o outro, acompañando ao ministro do Interior nun voo solicitado polo seu departamento, “con motivo do falecemento de tres policías nacionais na praia de Orzán [A Coruña] ao intentar rescatar a unha persoa”, suceso ocorrido na madrugada do 27 de xaneiro de 2012. Porén, nada explica dos motivos das viaxes de Blanco. Preguntado posteriormente por ese feito, Fomento indica que non queda no ministerio ninguén da época do anterior titular con acceso á súa axenda e que o uso de voos militares é unha posibilidade legal da que dispoñen os ministros.

Pola súa banda, un voceiro oficial do ex-ministro e agora deputado no Parlamento Europeo indica que Blanco “utilizaba os servizos do Falcon en momentos en que a axenda non permitía utilizar servizos regulares ou cando o ministerio estimaba que resultaba máis económico contratar eses servizos que un voo regular ao desprazar máis persoal”. Ese voceiro engade que “lamentablemente, non é posible acceder á axenda do seu período como ministro debido a que non obra no seu poder unha copia da mesma”.

Catro dos cinco voos de Blanco estarían relacionados con actos oficiais previstos con antelación

Malia as dificultades, tanto o entorno de Blanco como este medio pescudaron nos actos públicos que tivo o ministro arredor das datas dos voos para tentar atoparlles unha explicación. Na tarde do 31 de decembro de 2009 o ministro exerceu de delegado do Goberno na apertura da porta santa da Catedral de Santiago con motivo do Xacobeo 2010, do mesmo xeito que participou un ano despois, na tarde do 31 de decembro de 2010, no seu peche. Ambas tardes de Noitevella os avións oficiais permaneceron no aeroporto de Santiago durante catro horas antes de volver a Madrid. O venres 12 de febreiro dese ano, ao día seguinte doutro dos voos, A Coruña albergou un cumio de ministros europeos de transportes. Igualmente, hai un cuarto voo o xoves 22 de xuño de 2011, día en que o ministro supervisou o inicio das obras de prolongación da pista do aeroporto da Coruña, e ao día seguinte participou nunha visita con xornalistas ás obras do AVE Ourense-Santiago.

Porén, un dos cinco voos de Blanco detallados agora por Fomento, o realizado o sábado 16 de outubro de 2010 con saída de Torrejón ás 6:15 horas da mañá, chegada a Santiago unha hora despois e volta cara Madrid apenas media hora máis tarde, non pode ser relacionado con ningún acto público en Galicia do ministro, cuxo voceiro indica que nesa data “estivo en Pamplona” clausurando a Conferencia Política do PSOE navarro. Con estes datos, polo menos catro dos cinco voos do ministro Blanco estarían relacionados con actos oficiais previstos con antelación en cuxos desprazamentos os ministerios adoitan empregar as liñas aéreas comerciais.

Defensa considéraos datos secretos

O Exército do Aire esgrime dúas leis preconstitucionais para cualificar como secretos os voos de ministros en avións militares

Logo de que o Ministerio de Fomento, coa sinatura do seu subsecretario Mario Garcés, facilitase a relación de voos segundo el proporcionada por Defensa e explicase os motivos só dos de Pastor, este medio formulou ao ministerio responsable das Forzas Aéreas unha nova petición de información con amparo na lei de transparencia solicitando o detalle dos voos en avión oficial de todos os ministros durante as dúas últimas lexislaturas, desde abril de 2008. Neste caso Defensa esgotou o prazo ordinario dun mes que ten para responder e prorrogouno por outro mes argumentando exclusivamente “o volume e a complexidade da información que se solicita”. Unha vez acadado o prazo máximo de dous meses, Defensa respondeu denegando por completo a petición de información, sen dar sequera algún dato parcial, como permite a lei de transparencia.

Argumentou por unha banda que non ten os datos nun único soporte e terían que ser reelaborados polo seu persoal, unha das excepcións das que se dotou o Goberno a si mesmo para denegar unha petición de transparencia. O segundo argumento que ofreceu Defensa é que a solicitude “versa sobre unha materia clasificada de secreto”, esgrimindo como xustificación dúas leis preconstitucionais que o ministerio salienta que outorgaron “con carácter xenérico a clasificación de secreto aos informes e datos estadísticos sobre movemento de aeronaves militares”. Logo desta resposta, este medio preguntou ao gabinete da actual ministra de Fomento se desvelou algún secreto oficial ao informar dos voos dos ministros. Fomento respondeu que non entra a valorar os criterios de transparencia de Defensa e defende que os seus son o máis amplos posibles.

Detalle dos voos oficiais a Galicia en avión militar dos ministros de Fomento desde 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.