Os bombeiros municipais de Vigo pedían “cubas de auga” e o Centro de Atención de Emerxencias (CAE) 112 da Xunta entendía “cubos de auga”. O 112 chamaba á Garda Civil de Tráfico trasladando a petición dos bombeiros comarcais do Porriño de que se pechase a ponte de Rande e o axente pedía que non o molestara ninguén sen competencia na materia porque xa estaban eles pendentes: “Esto é un caos e temos que coordinar máis cousas, vale?” Son dous exemplos da descoordinación, sinalada polos propios bombeiros desde un primeiro momento, dos servizos de emerxencia durante o incendio que o pasado 9 de maio arrasou boa parte das instalacións da conserveira Fandicosta en Moaña. Porén, este martes o PP votou no Parlamento de Galicia en contra da petición do PSdeG, apoiada polo resto da oposición, de crear unha comisión de investigación parlamentaria que analice o que funcionou mal e propoña melloras. O voceiro popular, Miguel Tellado, argumentou que só pretendían “dubidar da profesionalidade dos bombeiros do Morrazo”.
“Parece que os bombeiros do Porriño toman decisións en seguridade vial, bueno o que faltaba xa [...] Esto é un caos”, quéixase un Garda Civil de Tráfico
A transcrición das conversas das chamadas entrantes ou saíntes do centro de emerxencias da Xunta, á que tivo acceso Praza.gal, revela a falta de información inicial sobre o alcance do lume e como cando os bombeiros dos distintos parques falan entre si, queda patente a envergadura do incendio, mentres que cando é o 112 o que intermedia ninguén parece ter clara nin a situación nin quen debe facer que.
A primeira chamada relacionada co incendio reflectida polo 112 é a que este fai ás 17.53 horas aos bombeiros do Morrazo para avisar dun lume en Fandicosta tras recibir unha alerta desde a propia empresa. Dez minutos despois, ás 18.03 horas, os bombeiros do parque vigués de Teis chaman ao 112 dicindo que saben da existencia do lume e este dilles que xa están activados os bombeiros do Morrazo e que non son necesarios. Tres minutos máis tarde, ás 18.06 horas, os bombeiros do Baixo Miño, máis alonxados que os de Vigo, chaman ao 112 para informar de que saen cara o incendio por petición directa dos bombeiros do Morrazo, algo que o 112 non parece coñecer. Ás 18.23 horas é o 112 o que chama aos bombeiros do Salnés para polos en prealerta. Ás 18.44 horas os bombeiros de Vigo volven chamar ao 112 para informalo de que saen cara Fandicosta por iniciativa propia logo de ser requiridos pola propia conserveira. Tres minutos despois é cando o 112 pensa que os bombeiros de Vigo están a pedirlle "cubos" de auga en vez de "cubas".
"Non temos información desde o primeiro momento", admite o 112 case dúas despois de iniciarse a alerta, cando xa dera distintas instrucións a varios parques de bombeiros
Case dúas horas despois da primeira alerta, ás 19.49 horas, o 112 chama novamente aos bombeiros do Morrazo: “Necesitábamos saber un pouco como está a situación, porque non temos información desde o primeiro momento”. Para daquela o 112 que di “non ter información” xa dera distintas instrucións a varios parques de bombeiros. Logo aínda se producirían outras conversas chamativas, como a do Garda Civil que protesta polo "caos", ou dificultades para comunicarse coa Autoridade Portuaria de Vigo, cuxos remolcadores botaban auga desde o mar, porque comunica e "sae buzón Movistar". Nunha das últimas conversas, pasadas as doce e media da noite, un bombeiro dille ao 112 que se van retirar xa da zona: “Están os políticos no posto de mando avanzado, pero está controlado”.
Negativa do PP a investigar
No debate parlamentario deste martes, a oposición coincidiu en culpar da descoordinación á privatización por parte da Xunta do Centro de Atención de Emerxencias do 112 e dos parques comarcais de bombeiros, atribuíndo ao Goberno galego a responsabilidade de non contar cuns protocolos de actuación adecuados e de primar o emprego de bombeiros comarcais privatizados en detrimento dos bombeiros de xestión municipal de Vigo ou Pontevedra. No debate lembráronse tamén as deficiencias detectadas na coordinación dos servizos de emerxencias durante o accidente ferroviario de Angrois, que o PP tamén se negou a investigar.
O socialista vigués Abel Losada, que presentou a iniciativa, centrou as súas críticas no feito de que un dos parques de bombeiros municipais de Vigo, en Teis, a 10 minutos da nave de Fandicosta, non fose autorizado a intervir malia que era dos máis próximos e vía directamente a envergadura do lume. “En tres ocasións durante unha hora díxoselles aos bombeiros de Vigo que estaban avisados outros parques e que polo tanto non era necesaria a súa presenza”, dixo, o que implicou demoras na loita contra o lume xa que acabaron acudindo máis tarde. O popular Tellado asegurou que “xamais se lles nega aos bombeiros de Vigo a opción para intervir”. A transcrición das conversas permite comprobar que cando estes deciden facelo o 112 insiste en preguntarlles quen os mobilizou.
O PP négase a investigar e critica que a oposición só pretende "dubidar da profesionalidade dos bombeiros do Morrazo"
“Entenden a central de chamadas como se fora un call-center de Movistar”, criticou o socialista. “Un queda alucinado con que se perde o tempo cando pasa algo importante”, valorou o deputado de AGE Xabier Ron, quen dixo sentir “arrepío do grao de caos en que está mergullado o sistema de emerxencias”. E polo BNG a deputada Tereixa Paz insistiu na necesidade de aclarar o que pasou para mellorar o sistema. “Hai unha cuestión técnica que este Parlamento non pretende substituír, pero hai unha dimensión política importante que o Parlamento é o lugar adecuado para debater”, argumentou Losada.
Porén, a resposta que obtivo do popular Miguel Tellado foi que coa súa iniciativa só pretendía “dubidar da profesionalidade dos bombeiros do Morrazo”, salientando que dependen dun consorcio provincial “do que é presidenta a socialista Carmela Silva”, obviando calquera erro na coordinación de todos os corpos de emerxencias por parte da Xunta. “A xestión foi boa pero non perfecta e o 112 fixo un traballo interno de autoavaliación”, sentenciou o popular.