Beiras, ante o encontro con Podemos: "Aquí non se decide o que vai ocorrer en Galicia"

Xuntanza de Unidos Podemos e as confluencias, este venres en Madrid CC-BY-SA Anova

Este venres foi o día elixido por Unidos Podemos para sentar á mesa coas súas confluencias e analizaren o sucedido nas eleccións do pasado domingo, nas que este espazo electoral acadou tantos escanos como a suma de Podemos e IU nos comicios de decembro, pero cun millón menos de votos e, sobre todo, sen pasar por diante do PSOE no conxunto do Estado, como prevían. No caso da representación das forzas de En Marea -Anova e mais EU, representada por Yolanda Díaz e Rubén Pérez- a análise do acontecido o 26X chega en pleno proceso de trazado das liñas da confluencia nas eleccións galegas que serán convocadas en apenas dous meses. Aínda que o asunto non figuraba na orde do día do encontro, o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, chegou á sede dos de Pablo Iglesias advertindo, en resposta á prensa, de que "aquí non se vai decidir o que vai acontecer en Galicia".

Fontes coñecedoras ao contido da xuntanza explican que as intervencións de Beiras foron das máis prolongadas e estiveron centradas na análise das xerais e en debullar as que, ao seu xuízo, foron as causas do retroceso en votos das segundas xerais. Non obstante, a respecto dos comicios galegos lembrou que a aposta de Anova é a fórmula do partido instrumental, isto é, a da constitución dun partido político con candidaturas de confluencia tanto dos partidos de En Marea como das mareas municipais e doutras organizacións con normas determinadas en Galicia. De calquera xeito, resáltase dende Anova, o foro para tomar decisión a respecto das eleccións galegas non é unha xuntanza cos membros de Unidos Podemos en Madrid que, subliñan, tivo como único obxectivo analizar o 26X.

O líder de Anova chama a "catapultar" as mareas seguindo o modelo "do 15M e de Nunca Máis"

Cuestións como o papel que xogará a actual dirección de Podemos Galicia nun eventual proceso de confluencia ou o xeito de conciliar as visións das forzas de En Marea e destas coas persoas e plataformas que participan das Mareas en Común están sobre a mesa nun contexto no que, di Beiras, é o momento de "catapultar" este espazo político para que "se converta en Marea Viva" inspirada "no 15M e en Nunca Máis". "Galicia é unha nación dentro do Estado español, é un país diferente", resaltou ao ser preguntado pola posibilidade de que o resultado da xuntanza deste venres puidese condicionar decisións como o nome da persoa que opte á Presidencia da Xunta.

"Diagnose" das xerais

Tras unhas tres horas de xuntanza o comunicado oficial sobre o tratado remite á intención de "organizarnos dende a nosa diversidade e plurinacionalidade para ser o polo que afronte a austeridade e as políticas do PP, e así se reflectirá no noso funcionamento no Congreso", afirman. "No nome de Anova", explicou Beiras ao remate do encontro, "expuxen" unha valoración "agridoce", baseada en que o 26X tiña que "ser utilizado para dar un salto adiante, e niso fracasouse". No entanto, en clave galega, di, cómpre ter en conta que malia ao retroceso "se trasladásemos os resultados destas eleccións xerais ás eleccións ao Parlamento de Galicia, o PP non gobernaría".

"Se trasladásemos os resultados das xerais ao Parlamento galego, o PP non gobernaría"

Pasado este "episodio", Beiras coida que é o momento de "avanzar na ampliación de En Marea", incluíndo a "captación de cidadanía nacionalista e de esquerdas que foi deixando o BNG" e que "non conseguimos que se sumase". "Se somos intelixentes e o facemos ben podemos ser a alternativa que contribúa definitivamente á derrota de Frijol", asegura, nun contexto no que, ante as preguntas sobre a súa opinión a respecto da unión entre Podemos e Izquierda Unida, reivindica que "en Galicia levámolo facendo dende 2012". "Como nos ía parecer ben? Como íamos dicir 'o que fixemos nós era unha parvada?", ironiza.

Mareas en Común convida a "aproveitar" o seu traballo

Tamén dende Mareas en Común se ofreceu este venres a súa visión do sucedido nas xerais e, sobre todo, se lanzou unha apelación cara ás galegas. O 26X, sinalan as plataformas municipais, deixou "a boa nova de que máis de 340.000 persoas apostaron polo espazo do cambio político, representado nestes comicios por En Marea", pero "a mala é que poden non abondar para desaloxar do goberno ao PP e as súas nefastas políticas antisociais". "A decepción por que os resultados do 26X non estivesen á altura das enquisas non deben facer pasar desapercibido", din, que en Galicia "estamos ante unha oportunidade histórica". "O PP -analizan- recuperou algo do seu terreo perdido, pero había anos que non estaba tan feble en Galicia".

As plataformas municipais chaman a "recuperar" a quen "optou por quedar na casa" nas xerais

As plataformas amósanse convencidas de que "moita xente" que nas municipais votara polas mareas e en decembro, por En Marea, "optou por quedar na casa" o pasado domingo. "Hai que recuperala e sumar a todas aquelas persoas que desexan un cambio en Galicia", din, e para "construír" ese espazo político de "confluencia", indican, "Mareas en Común pon o traballo realizado dende xaneiro ao servizo dos axentes do cambio", concretado en documentos como "un modelo de primarias para elixir a candidatura, un código ético" ou "a forma de goberno que se aplicará na Xunta e unha organización interna do espazo político". "Temos por diante o reto de construír un programa transparente e participativo" e de "pensar e artellar xuntas medidas concretas de país", afirman.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.