A xuíza Pilar de Lara reactiva de vez a póla compostelá do caso Pokémon. Despois de que os pasados meses de maio e xuño a titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo ordenase diversas actuacións para indagar nos presuntos delitos que lle atribúe a Ángel Espadas, xefe de gabinete da Alcaldía de Santiago na etapa de Gerardo Conde Roa, agora vén de retomar a investigación do financiamento do PP de Santiago no ano en que chegou á alcaldía da capital galega. As súas sospeitas céntranse, concretamente en 13 ingresos bancarios realizados no mes das eleccións municipais de 2011 e en catro máis, datados pouco despois da toma de posesión de Conde Roa. Todos eles suman case 27.000 euros.
Nun auto ditado o pasado día 1, ao que tivo acceso Praza.gal, De Lara acusa recibo dunha dilixencia de Vixilancia Aduaneira realizado a finais do pasado xuño como ampliación dos traballos que, dende 2014 este corpo vén realizando a respecto do PP santiagués para investigar posibles delitos de suborno e branqueo. Partindo da coñecida neste caso como "ruta del bacalao", o percorrido dun dos supostos líderes da trama polas cidades galegas o último día da campaña das municipais de 2011 para entregar, segundo os investigadores, cartos a membros de varios partidos, Aduanas pediulle ao PP de Santiago varios datos da súa contabilidade. Entre as súas respostas o partido detalla que "non constan ingresos en concepto de doazóns" nas súas contas, que daquela tiñan como "responsables" ao secretario local, Manuel Silva, e ao propio Conde Roa.
De Lara pídelle ao Banco de Santander que identifique quen realizou 17 ingresos nas contas do PP durante a campaña das municipais de 2011 e pouco despois da toma de posesión de Conde Roa
Entre toda a documentación contable chaman a atención dos axentes os devanditos dezasete ingresos, realizados co concepto "ingreso en efectivo de Partido Popular" e "non sendo identificada a persoa física ordenante do ingreso". Esas operacións resultan sospeitosas para os investigadores porque varios deles se realizan "no mesmo día e en operacións sucesivas e realizadas case no mesmo acto", separadas por uns poucos minutos, e por importes idénticos -por exemplo, catro ingresos de 2.000 euros o 4 de maio de 2011-. "Dedúcese -indica Aduanas- que puideron fraccionarse tales ingresos para evitar o control e a identificación esixida pola normativa vixente".
Con toda esa información sobre a mesa De Lara vén de dirixirse ao Banco de Santander, onde o PP de Santiago manexaba as tres contas investigadas, para que lle facilite a Vixilancia Aduaneira "contratos, sinaturas autorizadas e movementos completos" das mesmas, así como un informe de "todos os ingresos en efectivo" nas mesmas durante todo 2011, "con identificación completa" de quen os fixo e os correspondentes xustificantes. Cando reciba a documentación, indica o auto, a xuíza decidirá se autoriza as outras accións que lle suxire Aduanas: citar aos responsables das contas, entre eles a Conde Roa, "para que expliquen a orixe dos ingresos en efectivo"
Requerimento a La Caixa
O mesmo 1 de xullo De Lara ditou outro auto sobre os movementos de cartos da Pokémon, neste caso centrado en Véndex, o grupo empresarial ao que considera núcleo da presunta trama corrupta. O que investiga, nestoutra póla do caso, son as transferencias bancarias que ordenaron dúas empresas do grupo (PAU e Sermasa) por importe total de 3,3 millóns de euros o 21 de setembro de 2012, cando xa pesaban sobre as súas contas "unha orde xudicial de bloqueo". Esa orde transmitírase aos bancos ás sete e media da mañá do día previo, o 20 de setembro, cando se ía deter ao responsable de Véndex, Gervasio Rodríguez, aínda imputado no caso.
A xuíza investiga o movemento de 3,3 millóns dende contas de Véndex cando xa pesaba sobre elas unha orde xudicial de bloqueo
Aínda que, segundo acredita a Confederación de Caixas de Aforro, a orde de bloqueo chegou correctamente a data na que foi emitida, o día 20, dende La Caixa informouse ao xulgado de que os bloqueos efectivos non foron realizados ata o día 21 e, "nalgunhas" das contas, ata o 4 de outubro. "Propiciouse, deste xeito, o baleiramento de dúas das contas bancarias que estaban bloqueadas" a través de transferencias ordenadas formalmente por Gervasio Rodríguez con destino a unha conta do Banco de Santander da que era titular Gestión General de Electricidad, unha empresa do xenro do dono de Véndex.
Neste contexto, a xuíza pídelle a La Caixa que nesta mesma semana "identifique os empregados da entidade" que xestionaron estas transferencias e tamén ao persoal que tería o cometido de cumprir a orde de bloqueo das contas que ela mesma formulou. Os feitos, adviret, "poderían ser constitutivos dun delito de desobediencia, falsidade documental, alzamento de bens e cooperación co delito de branqueo de capitais". Igualmente, dispón o envío das indagacións de Vixilancia Aduaneira ao Servizo de Prevención do Branqueo de Capitais (SEPBLAC).