Membros das mareas propoñen unha "mesa constituínte" que concrete a confluencia nas galegas

Encontro das Mareas en Común CC-BY-SA Mareas en Común

"Impulsar" a confluencia de En Marea para as eleccións galegas e "aproveitar o traballo feito" para concretala o antes posible. Son dúas das intencións que manifesta o grupo de membros das mareas municipais que, xunto a membros das forzas políticas que as apoian, vén de lanzar unha proposta de "mesa constituínte" sobre a que articular a conformación do programa e as listas ao Parlamento de Galicia, así como a candidatura á Presidencia da Xunta.

Segundo as fontes consultadas por este diario esta iniciativa parte do "grupo de traballo" que se vén reunindo dende o pasado maio para procurar "un único proceso de confluencia" e perfilouse nunha xuntanza, a pasada semana, na que participaron membros das mareas de localidades como Santiago, Lugo, Ferrol e Ourense, así como representantes de Anova e Esquerda Unida -Podemos manifestou a súa intención de unirse tras a celebración do Consello Cidadán deste domingo. Nesa mesa, propoñen, deberan participar as principais mareas xunto cos partidos políticos, ademais de ter o "impulso" público dos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol.

O "grupo de traballo" propón xuntar as principais mareas cos partidos políticos e mais co "impulso" dos alcaldes

A proposta deste grupo non é artellar un novo mecanismo dende cero, aseguran. Así, a proposta remitida ao conxunto das mareas -e tamén aos devanditos alcaldes- propón que o "punto de partida" para artellar procedementos como as primarias de elección das candidaturas sexa o traballo xa feito dende as Mareas en Común, a plataforma de diversas mareas municipais que vén reuníndose dende xaneiro. Este foro, agregan, sería o que impulsaría todo o proceso das eleccións galegas, mentres que a coordinadora de En Marea se "circunscribiría" ao traballo vinculado ao traballo dos representantes electos no Congreso o pasado 26X. A "marca" electoral, non obstante, propoñen, seguiría a ser En Marea.

A proposta formula que o "punto de partida" para concretar a confluencia sexa o "traballo" das Mareas en Común

O grupo autor desta proposta coida que o seu espirito podería chegar a encaixar co chamamento lanzado a pasada fin de semana, despois da xuntanza deste grupo de traballo, dende Mareas en Común baixo o lema Agora, a confluencia. Nesa apelación a plataforma, que non está presente no grupo de traballo, convidaba a "aproveitar" o traballo realizado dende xaneiro por "case 500 persoas de 72 concellos do país", concretado nos documentos sobre o modelo de primarias, código ético, "forma de goberno" e "organización interna". Ese, dicían, pode ser o camiño para "recuperar e sumar a todas as persoas que desexan un cambio en Galicia", tamén a quen "quedaron na casa" o 26X. Asumindo esas propostas, indicaban, poderíanse centrar xa os esforzos en "construír un programa transparente e participativo" con "medidas concretas de país". O documento que sintetiza a proposta do grupo subliña tamén a necesidade de incorporar o traballo das chamadas "intermareais", os espazos de posta en común de plataformas locais que xa funcionan en áreas como Vigo, Ourense ou O Morrazo, entre outras.

Así as cousas, este "grupo de traballo" agarda agora respostas a respecto da súa iniciativa e admite, non obstante, a existencia de  incógnitas para a súa aplicación. Unha delas, recoñecen, reside no xeito en que sexa acollida dende Podemos Galicia, cuxa secretaria xeral, Carmen Santos, mantivo este domingo un encontro con Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez. Antes desa xuntanza, e no marco do Consello Cidadán Galego do partido, Santos apelou a que a elección da candidatura á Xunta se realizase "canto antes" e a través de primarias, dixo, ademais de subliñar a súa preferencia por que as mareas estivesen encabezadas "por unha candidata muller". Fontes do grupo de traballo resaltan, non obstante, que a dirección de Podemos Galicia xa manifestou a súa intención de se incorporar a estes labores. 

A proposta foi remitida tamén aos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.