O Foro Galego celebrará a súa segunda xuntanza aberta o sábado 16 ás 10:30 horas na Facultade de Xornalismo de Santiago. O obxectivo do encontro, como explicaron este venres en rolda de prensa Manuel Antelo -alcalde de Vimianzo-, Paula Verao -concelleira en Sober da candidatura de unidade popular- e Adrián Acción -activista-, será debater a forma en que se pode conformar unha canditatura de confluencia para as eleccións ao Parlamento galego, articulada en torno ás mareas "e na que nos poidamos sentir cómodos todos", sinalou Antelo. Unha candidatura que, sinalaron, debe ter a capacidade de gobernar Galicia, que mellore as condicións de vida da xente e na que "o nacionalismo ocupe un papel destacado".
Antelo valorou positivamente o chamamento lanzado esta semana polos alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol, un manifesto "que vai na boa dirección"
Neste senso, Antelo valorou positivamente o chamamento lanzado esta semana polos alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol, un manifesto "que vai na boa dirección", coma "outros pasos que se están a dar nos últimos tempos" e que "fai máis fácil a participación de persoas que na actualidade non formamos parte das mareas".
A xuntanza, que busca desenvolver con máis concreción algúns dos temas xa tratados na primeira xuntanza, celebrada en maio, sitúa tamén entre as súas tarefas o debate ao redor da conformación dunha estrutura política na que poidan inserirse as persoas e colectivos "nacionalistas ou galeguistas" que agora están dispersas ou que recentemente abandonaron outras formacións políticas. Porén, este proceso -engadiu Antelo- terá que quedar para despois das eleccións do outono.
Chamamento de Vidán
O Chamamento de Vidán conclúe "resulta inescusábel admitir o fin de ciclo" do BNG
Mentres, tamén este venres se fixo público o denominado Chamamento de Vidán, un documento asinado por un grupo de destacados e destacadas militantes do BNG (entre os que destacan Xavier Vence, Tereixa Paz, Olaia Fernández Davila, Carme Adán ou Ana Miranda) analizan os resultados das eleccións xerais e o estado político e electoral do nacionalismo galego. Sinalan que o nacionalismo galego “encóntrase nunha encrucillada” caracterizada "polo devalo electoral do BNG e a dificultade doutras alternativas políticas formadas por nacionalistas e forzas de esquerda para representar acaidamente os intereses de Galiza”, interpretantando que esta foi unha das causas do “devalo acusado por esta nova alternativa nas últimas eleccións xerais”.
As persoas asinantes consideran que esta situación pon en perigo “as expectativas de desaloxo do PP nas eleccións galegas do próximo outono” e fan un chamamento para superar as “diferenzas menores” de forma que sexa posible acadar un “grande acordo que trouxese ilusión aos galegos e galegas” para acadar "unha vitoria contundente nas eleccións autonómicas" e co obxectivo de "fortalecer o nacionalismo".
Realizan unha apelación "a unha celebración conxunta do 25 de xullo"
Conclúen que "o devalo socio-electoral do BNG chegou a límites insoportábeis para calquera organización política con vocación de transformar a sociedade" e afirman que "resulta inescusábel admitir o fin de ciclo" desta organización. E fan un chamamento a "remover as estruturas actuais do nacionalismo para sentar as bases para unha organización nacionalista de nova planta, sólida, con vocación maioritaria, transversal e que xunte a todas as persoas que teñen Galiza como nación". Finalmente, realizan unha apelación "a unha celebración conxunta do 25 de xullo", seguindo o precedente da convocatoria do Día Nacional de Galiza de 2015 impulsada pola Iniciativa Pola Unión.