0 Gardados para despois

“Non era un tren de alta velocidade”, teima a comisión de Fomento que investigou Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Ás poucas horas de ocorrer o accidente de tren de Santiago, con 80 mortos e 144 feridos, os responsables gobernamentais insistiron nunha mensaxe: non era un accidente do AVE senón un erro humano do seu maquinista que non freara a tempo antes da curva de Angrois. Como posteriormente explicitaría o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, detrás desa teima estaba o temor de que o sinistro afectase aos importantes contratos internacionais aos que aspiraban as empresas públicas e privadas españolas da alta velocidade. Porén, no seu informe sobre o accidente de Angrois desvelado a semana pasada, no que descualifica a investigación técnica do sinistro realizada en España, a Axencia Ferroviaria Europea insiste en que o que se accidentou foi un “tren de alta velocidade” (“high-speed train”, no orixinal). Dío 21 veces en 15 páxinas malia que desde España se lle tentou convencer do contrario.

A CIAF insistiu no argumento empregado polo Goberno para defender a industria española do AVE e tentou corrixir o informe da UE, que a ignorou e mantivo esa denominación

O informe sobre o accidente de Santiago elaborado pola axencia europea foi asinado polo seu responsable de seguridade o 26 de xaneiro pasado. O 2 de marzo foille trasladado á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), o órgano do Ministerio de Fomento encargado de analizar o sinistro e cuxo traballo fiscalizou a axencia europea. A CIAF tentou replicar a varias das críticas que se lle formulaban desde Bruxelas a través dun documento con data de 7 de abril agora colgado na súa web sen asinar por ninguén. Unha das primeiras cuestións das que discrepa o órgano de Fomento é o emprego que a axencia europea fai do termo “tren de alta velocidade”. A CIAF di que “de acordo coa normativa e a autorización do tren accidentado, este non era un tren de alta velocidade” e salienta que por iso na súa investigación sobre o sinistro “tal denominación non aparece en ningún momento”. Malia esta alegación, a Axencia Ferroviaria Europea mantivo intacta a súa cualificación de “tren de alta velocidade” no documento que lle entregou ás vítimas o pasado xoves, logo de que o Goberno español conseguise que non se divulgase antes das pasadas eleccións xerais.

Na causa xudicial os peritos non cualificaron o tren pero constataron que a liña si era de “alta velocidade”

Na causa xudicial aínda aberta polo sinistro, todos os peritos participantes, tanto independentes como de parte, coinciden en que o lugar no que se produciu o accidente forma parte dunha liña de alta velocidade, aínda que non entraron a cualificar se o tren Alvia S-730 accidentado se pode denominar “tren de alta velocidade”, como o chama a axencia europea. O propio perito designado por ADIF concluíu que a Ourense-Santiago “é en toda a súa lonxitude unha liña de alta velocidade” e indicou que o tren estaba autorizado a circular ata 240 quilómetros por hora coas súas máximas medidas de seguridade activas, ou ata 200 se non podía empregar por algún motivo o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERMTS. Con ese sistema desconectado entre Ourense e Santiago desde un ano antes do accidente, o Alvia circulaba aquel día a 200 por hora.

"Non se encontra xustificada a apertura dunha nova investigación", díxolle en abril a CIAF á Axencia Ferroviaria Europea

Por outra banda, nas súas alegacións a Bruxelas a CIAF xa avanzaba que, con independencia do que opinara a Axencia Ferroviaria Europea, “non se encontra xustificada a apertura dunha nova investigación”. A CIAF tamén dicía que nada tiñan que ver as melloras de seguridade que implantou Fomento en toda a rede ferroviaria española tras o sinistro coa posibilidade de que este non se debese exclusivamente a un erro humano senón a outras causas profundas que Bruxelas pedía investigar. “As oportunidades de mellora detectadas non se poden considerar causas subxacentes nin profundas do accidente”, respondeulle a CIAF á axencia europea.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As vítimas piden unha reunión coa ministra e a CIAF ofrécelles un correo electrónico

Logo de recibir o pasado xoves o informe europeo no que se di que a investigación da CIAF sobre Angrois non foi independente, este luns a plataforma de vítimas do sinistro dirixiu unha carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, solicitándolle formalmente unha reunión. Na misiva avanzan que lle pedirán explicacións sobre as súas “mentiras” ao asegurarlles que a investigación fora independente. Do mesmo xeito, as vítimas lémbranlle a Pastor que no seu momento coñeceron o informe da CIAF polos medios de comunicación e “xamais ninguén nos preguntou ou nos informou absolutamente nada”, como a axencia europea di que teñen dereito. “Esas condutas que se lle esixen aos gobernos forman parte de algo que se chama democracia e xustiza”, din as vítimas, e rematan pedíndolle a Pastor que lles explique “se o motivo das súas mentiras foi tapar as múltiples vergoñas do seu Goberno e do anterior, ou en realidade é que vostede non se decataba do que ocorría ao seu redor”.

"A CIAF dispón dunha caixa de correo electrónico que permite que calquera persoa se poida por en contacto", argumenta a comisión sobre a atención que prestou ás vítimas

Esa mala atención ás vítimas é unha das cuestións que a CIAF tentou refutar sen éxito en abril do informe da Axencia Ferroviaria Europea. O ente comunitario critica nel que na investigación da CIAF sobre Angrois “non hai nin descrición, nin probas de si, cando e como se informou ás vítimas e os seus familiares durante o proceso de investigación e se lles dá a oportunidade na medida do posible de facer comentarios”, como obriga a normativa europea. A CIAF contestou a Bruxelas que era “coñecedora” da atención que o Ministerio de Fomento lles estaba a dar ás vítimas e engadiu que “a CIAF dispuña (e dispón) dunha caixa de correo electrónico que permite que calquera persoa, física ou xurídica, se poida pór en contacto coa Comisión”. Este diario escribiu a dita dirección para coñecer que cargo ou cargos da CIAF subscriben, se é que o fan, tanto as alegacións remitidas a Bruxelas en abril como o comunicado público emitido o pasado xoves. A resposta da CIAF é que ambos documentos foron elaborados por técnicos do organismo e elevados ao pleno da comisión, que os aprobou.