0 Gardados para despois

Angrois berra en silencio pedindo xustiza tres anos despois do accidente

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Ás 20.41 horas deste domingo, o momento xusto en que o Alvia descarrilaba hai agora tres anos, vítimas e familiares dos 80 falecidos e 144 feridos no accidente de tren de Santiago gardaron silencio na curva de Angrois, a que dá nome á traxedia. Alí, xunto ás vías, no lugar ao que foi a parar un dos vagóns do convoi logo de descarrilar a 179 quilómetros por hora, as vítimas volveron pedir “verdade, xustiza e reparación”. Foi nun acto no que se leron poemas, se escoitou música, se depositaron flores e se deron moitas apertas.

Aquel Alvia non debía pasar por Angrois a máis de 80 quilómetros por hora, pero o seu maquinista, o único imputado, despistouse despois de recibir unha chamada do interventor do tren sen que houbese ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste. Por iso, se pola tarde as vítimas celebraron en Angrois en voz baixa, case en silencio, un acto de homenaxe aos falecidos, pola mañá, na Praza do Obradoiro, berraron pedindo unha xustiza pola que levan tres anos agardando.

Vítimas do sinistro concéntranse na curva na que o 24 de xullo de 2013 o tren Alvia descarrilou deixando 80 mortos e 144 feridos

Nese acto no Obradoiro, cunha pancarta na que se podía ler “esiximos verdade, xustiza e responsabilidades políticas, PP, PSOE, Adif e Renfe”, e portando fotos dos xestores das infraestruturas españolas antes e despois do accidente, as vítimas insistiron na necesidade de investigar todos os aspectos que rodearon o sinistro tanto desde o punto de vista xudicial como técnico e político. Neste terceiro aniversario, os berros dirixíronse especialmente contra a ex-ministra de Fomento e agora presidenta do Congreso, Ana Pastor, por non recibilos o pasado martes no ministerio como foran citados e á que demandan explicacións pola investigación feita no seu momento polo seu departamento e agora criticada pola UE. “Ana Pastor, dimisión”, “mentireira” ou “falsa” foron algúns dos berros que se escoitaron contra ela.

Veciños de Angrois e políticos

No acto do Obradoiro as vítimas estiveron acompañadas por varios representantes de BNG e AGE, as dúas formacións que están a canalizar as súas reivindicacións políticas fronte ás negativas de PP e PSOE. A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foron as caras máis significativas dunha concentración que durante uns minutos trocou os habituais cánticos dos peregrinos que chegan ao Obradoiro por berros reivindicativos.

Os veciños de Angrois, como hai tres anos, acompañaron ás vítimas durante o acto de lembranza dos falecidos

Xa pola tarde, e como nos anos anteriores, as vítimas estiveron acompañadas polos veciños de Angrois, eses que o día do accidente saltaron ás vías para botar unha man, “o que faría calquera”, como din eles. Tres anos despois, eles tampouco lograron aínda ver cumpridas as promesas que lles fixeron os políticos. Os simples columpios para nenos que levaban tempo pedindo antes do sinistro convertéronse en xullo de 2013 no anuncio dun parque que honrara o seu esforzo. Tres anos despois un conflito administrativo ten parada a apertura total do novo espazo, o que non impide que nenos e maiores obvien as prohibicións e empreguen xa os ansiados columpios e o parque e a pista deportiva que tamén lles fixeron. Pero o que realmente seguen a pedir os veciños de Angrois é unha parada do autobús urbano. Porque segue sen haber transporte público alí onde o AVE deixou 80 mortos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.