Máis tensión interna entre as forzas que aspiran a tecer unha alternativa de goberno fronte ao PP en Galicia dentro de apenas tres meses. A disparidade de criterios entre as dúas metades nas que ficou dividida a dirección de Podemos Galicia tras as últimas primarias -17 membros da candidatura da secretaria xeral e outros tantos da lista que encabezara Ángela Rodríguez, considerada próxima ao equipo de Pablo Iglesias- a respecto do xeito e os tempos para decidir sobre a confluencia nas eleccións galegas vive dende a pasada semana unha escalada de tensión. Unha mínima recolocación de forzas permitiulle ao sector crítico coa actual líder sacar adiante no Consello Cidadán, cuxa convocatoria propiciara, un documento que apostaba por participar "dende o inicio" nesta nova fase de En Marea. O que nalgúns sectores se leu como unha desautorización á dirección foi retrucado este luns por Carmen Santos e o seu equipo con tres destitucións e a activación da "consulta" ás bases e con outros partidos sobre a propia confluencia.
"Cuestións organizativas" e a necesidade de "traballar a gusto" nunha etapa de "tempo acelerado" foron os motivos aludidos por Santos para, nunha comparecencia "urxente" ante a prensa, responder ás preguntas a respecto dos cesamentos de Luca Chao, José Manuel Pérez e Nicolás Legido como responsables de Formación, Anticorrupción e Redes Sociais no Consello de Coordinación do partido, o equivalente á executiva. Os tres responsables destituídos foran membros da candidatura de Ángela Rodríguez nas primarias e agora seguirán sendo membros do Consello Cidadán, pero fóra do "órgano de apoio á secretaría xeral". Trátase de "organizar o traballo, nada máis", asegura Santos.
A dirección de Podemos Galicia convoca encontros provinciais como paso previo á consulta sobre a fórmula de concorrencia
Case no mesmo movemento que as destitucións o equipo de Santos activa as anunciadas consultas ás bases sobre "como construír En Marea" para "despois, valorar como queremos concorrer" ás eleccións, se en solitario ou dentro da confluencia. Así, a dirección convoca para a findeira fin de semana "catro xuntanzas provinciais" como paso previo a unha asemblea xeral cunha "consulta telemática", todo isto durante este mes de xullo. Se o resultado destas consultas pasa pola confluencia, advirte, as primarias para a elección de candidaturas son "ineludibles", aínda que non aclara se a aposta da actual directiva do partido é a celebración dunhas primarias internas e doutras de En Marea, ou ben dun único procedemento. Iso, resalta Santos, "hai que falalo colectivamente, niso consiste a participación", se ben coida que debe producirse "algún tipo de votación común". En todo este proceso, lembra, ela vaise manifestar a prol "da unidade popular".
Encontros con Anova e EU e chamamento de Mareas en Común
Malia seguir, como dende o inicio, a condicionar calquera decisión sobre as eleccións á consulta ás bases -así o mandan os documentos políticos xa votados, resalta-, Santos si achega algún elemento novo ao respecto. Así, a secretaria xeral anuncia que as asembleas internas chegarán inmediatamente despois de senllos encontros con Anova e Esquerda Unida, esta semana, para "ver como consideran" que debe "abrirse" e democratizarse En Marea. Do mesmo xeito, manifesta a súa disposición a "acudir a todas as xuntanzas" sobre a confluencia que sexan convocadas, caso do chamamento formulado polos alcaldes das mareas a pasada semana para unha data de xullo aínda por definir ou da apelación a unha asemblea constituínte lanzada dende Mareas en Común, a plataforma das mareas municipais.
Santos subliña que Podemos acudirá "a todas as xuntanzas" con outras forzas
O chamamento das Mareas en Común, precisamente, é o que se concretaba este luns cunha carta remitida a Antón Sánchez e Yolanda Díaz, como coordinadores nacionais de Anova e EU, e á propia Carmen Santos, así como a Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez. O convite para "fixar calendario, obxectivos e metodoloxía" da confluencia nas galegas concrétase chamando a fixar "unha data e un lugar para unha xuntanza" de tipo "técnico" esta mesma semana, na que se lance tamén "a asemblea unitaria que tería o carácter de momento constituínte".
Mareas en Común chama os partidos e os alcaldes a unha xuntanza esta semana para lanzar a "asemblea constituínte"
"Non queremos que haxa malos entendidos, nin facer perder un tempo necesario; os prazos son curtos e o traballo, grande", din, ao tempo que volven ofrecer os seus documentos para artellar procedementos como as primarias ou o código ético. "Non os presentamos como documentos pechados", din, "pero si coincidimos cos alcaldes das cidades do cambio en que son a metodoloxía na que deben basearse as deliberacións", tamén porque "acadaron o consenso de centos de persoas, entre elas, varios nomes de referencia en Anova, Podemos e EU", din.