A xustiza e Bruxelas obrigan a PP e PSOE a mudar o seu discurso sobre Angrois

Feijóo e Blanco na inauguración do AVE Ourense-Santiago o 10 de decembro de 2011 Dominio Público Xunta de Galicia

PP e PSOE están agora dispostos a realizar unha nova investigación técnica do accidente de tren de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas. Un cambio de postura parcial, xa que seguen a negarse a calquera investigación política, que se produce logo de que a Audiencia Provincial da Coruña reabrise hai un mes e medio a causa xudicial e de que a semana pasada a Axencia Ferroviaria Europea descualificase a investigación técnica realizada polo Ministerio de fomento. En ambos casos sinalouse a posible existencia de responsabilidades máis alá do maquinista do tren, no que populares e socialistas fixaron a súa mirada desde un principio polo temor a verse salpicados politicamente, obviando de paso outras posibles responsabilidades técnicas.

Logo de tres anos rexeitando máis responsabilidades que a do maquinista, a reapertura da instrución xudicial e a crítica da UE á investigación de Fomento fan que populares e socialistas se abran a unha nova análise técnica

O cambio de postura de PP e PSOE evidenciouse este martes no Parlamento de Galicia, onde BNG, AGE e Grupo Mixto pediron que se modificase de urxencia a orde do día do Pleno para debater novamente a súa ata agora rexeitada proposta de creación dunha comisión de investigación política do sinistro. O PP opúxose a que nin sequera se debatese a cuestión, pero o seu voceiro, Pedro Puy, ofreceu a cambio unha declaración institucional -que non prosperou pola negativa de BNG, AGE e Grupo Mixto, que a consideraban insuficiente- para que o Parlamento apoie a realización dun novo “informe técnico incontrovertido”. “Hai un cambio significativo na información dispoñible”, dixo Puy, obviando que os datos que se coñecen sobre o sinistro son os mesmos desde hai anos e que a única novidade das últimas semanas son as valoracións que sobre os mesmos fan agora a Audiencia da Coruña e a UE.

O cambio de postura do PP vén precedido dun cambio de postura do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Aos tres días do accidente dicía que tras as voces que apuntaban a unha escasa seguridade en Angrois había interese de empresas competidoras do AVE español por desprestixialo. Logo pasou a ampararse en que a investigación técnica de Fomento só culpaba ao maquinista. Máis tarde, cando un segundo xuíz instrutor da causa xudicial rectificou a investigación que o primeiro dirixía contra cargos de Adif, o presidente pasou a acusar aos grupos da oposición de pretender un uso político das vítimas do sinistro. Pero agora que tanto os xuíces da Audiencia como os técnicos europeos amosan as súas dúbidas sobre a seguridade da liña Ourense-Santiago, o presidente defende a necesidade de “complementar a investigación”.

O temor de PP e PSOE a ver salpicada a súa xestión política fixo que obviasen calquera análise que pescudase responsabilidades técnicas máis alá do maquinista

Pola súa banda, o PSdeG xa variou a súa postura hai un mes, logo de que a Audiencia reabrise a instrución xudicial. Daquela AGE e BNG volveran pedir unha comisión de investigación parlamentaria, iniciativa á que o PP votou en contra, coma sempre tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia. O PSdeG abstívose, tamén coma sempre, pero nesa ocasión ofrecendo a cambio “unha nova investigación” técnica por parte dunha nova Comisión Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento cunha “composición” renovada. Agora que a Axencia Ferroviaria Europea vén de confirmar que esa CIAF, pola súa propia composición, non era independente cando investigou Angrois e culpou só ao maquinista, este martes o PSdeG insistiu na necesidade de realizar unha nova análise técnica independente.

Detrás da negativa de populares e socialistas a afondar nas investigacións atópase o seu temor a que o sinistro salpique a xestión dos seus ministros José Blanco e Ana Pastor. O primeiro encargou a construción do modelo de tren Alvia accidentado e estaba no cargo cando en 2010 Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, decidiu non instalar en Angrois o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS. A segunda xa era ministra cando se puxo en servizo o Alvia e cando, en 2012, Adif autorizou a Renfe a desconectar a bordo del o ERTMS. Populares e socialistas están convencidos de que ningún dos dous ministros era coñecedor das complexidades técnicas que rodearon o accidente, pero temían ata o de agora que calquera debate técnico puidese salpicar a súa xestión política. A reapertura da causa xudicial e o veredicto técnico de Bruxelas fan agora imposible silenciar as cuestións técnicas, polo que a realización dunha nova investigación nese ámbito é vista por populares e socialistas como un mal menor co que tentar evitar o tan temido debate político, no que non só recibirían ataques do resto de grupos senón que tamén se podería abrir unha guerra entre ambos.

Concentración das vítimas de Angrois nos xulgados de Santiago © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.