A Garda Civil detén un edil e outras dúas persoas en Cangas por "incitar ao odio" en internet

Un dos chíos amosados pola Garda Civil como mostra da "incitación ao odio" © Garda Civil

"Incitar ao odio e á violencia a través das redes sociais". É o motivo que, segundo informa un comunicado da Garda Civil difundido polo Ministerio do Interior, levou á detención na mañá deste mércores de tres persoas en Cangas do Morrazo. Unha delas, segundo especifica Faro de Vigo, é o concelleiro de Alternativa Canguesa de Esquerdas Andrés García, integrante do goberno local.

O Instituto Armado enmarca na denominada 'Operación Tarántula' as detencións destas tres persoas, de entre 23 e 26 anos. Sempre segundo o corpo policial, procederon aos prendementos "a razí de investigacións realizadas" nas que, din, "puídose constatar que estas persoas difundiaran a través das redes sociais publicacións de contido violento" nas que se "incitaba de forma clara e directa ao odio e á violencia". Os destinatarios destas mensaxes, asegura, eran políticos, "víctimas do terrorismo e as forzas de seguridade".

O Instituto Armado atribúe as detencións á "gravidade dos contidos vertidos" en Facebook e Twitter

O criterio seguido para as detencións, abonda Interior, foi a "gravidade dos contidos vertidos" en Facebook e Twitter. A investigación, abonda, está coordinada pola Fiscalía delegada para delitos de odio en Pontevedra e polo Grupo de Información da Garda Civil nesa provincia. As decisións sobre as persoas detidas dependen agora do xulgado de instrución número 3 de Cangas.

Nos últimos dous anos numerosas persoas foran detidas en diversos puntos do Estado con acusacións semellantes no marco das coñecidas como operacións 'Araña'. Un dos casos máis rechamantes ata o momento fora o do cantante do grupo Def con Dos, César Strawberry, que esta semana tivo que declarar perante a Audiencia Nacional.

Un dos chíos amosados pola Garda Civil como mostra da "incitación ao odio" © Garda Civil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.