As mareas prevén lanzar o proceso de primarias e programa electoral nunha asemblea a finais de mes

Ferreiro, Noriega e Suárez, este xoves en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

As mareas comezan a concretar o seu calendario cara ás eleccións galegas que, previsiblemente, serán convocadas dentro de apenas un mes. Os alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago iniciaron este xoves a rolda de contactos bosquexada no seu manifesto a prol da confluencia lanzado a pasada semana coa intención de, contra finais deste mes -o día 30 barállase como data máis probable-, celebrar un "encontro nacional" no que as plataformas, os partidos de En Marea e os colectivos e persoas que os apoian lancen o proceso de primarias e de elaboración do programa electoral para os comicios ao Parlamento de Galicia.

Durante dous días Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez están a manter unha serie de xuntanzas que comezaron este xoves na capital galega con rexedores de mareas das vilas e continuaron con membros das mareas das sete cidades e mais cunha representación de Mareas en Común. Este venres completarán o "diálogo" atopándose con senllas delegacións de Anova, Esquerda Unida, Podemos Galicia e mais o Foro Galego, segundo confirmaron ante a prensa. A "finalidade", resume Noriega, é tentar acordar a data dese encontro e, ao tempo, engade Ferreiro, "perfilar" o roteiro das primarias e da construción do programa.

Ferreiro, Noriega e Suárez reúnense este xoves e venres coas plataformas municipais, coas Mareas en Común e mais con Anova, EU e Podemos

A aposta, explican, é que esa asemblea sexa o "punto de partida" do que, agrega Suárez, pode ser "unha oportunidade histórica" cara á que "o traballo non pode parar" por mor do axustado das datas. Neste sentido, a preguntas dos xornalistas, Noriega coida que procesos internos dos partidos de En Marea, caso dos encontros e consultas anunciados pola dirección de Podemos Galicia, "non poden condicionar o proxecto político da totalidade". "Non hai contradición con que todas as partes teñan os seus procesos" se ben advirte da imposibilidade de frear "a toma de decisións" para seren quen de artellar "unha opción política que lles diga aos galegos e galegas que estamos preparados para gobernar este país".

Á procura de "certezas" sobre a candidatura

Como en anteriores ocasións os tres alcaldes eludiron tomar posición sobre a que está a ser unha das grandes incógnitas das mareas cara ás eleccións galegas: a candidatura á Presidencia da Xunta. Despois de que, nas últimas semanas, rexurdisen as voces que apuntan cara ao maxistrado Luís Villares, os rexedores preferiron non tomar posición sobre esta opción ao seren preguntados ao respecto. "Nós -di o alcalde de Ferrol- non imos vetar nin designar a ninguén". "Nós defendemos que o nome do candidato ou candidata ten que ser de consenso" e ese consenso, resalta Noriega, "ten que saír" da "interlocución" destes días. 

"Nós os tres vimos de experiencias nas que, sendo candidatos de consenso, nos sometemos ás primarias"

Neste sentido, os tres alcaldes están a defender nestes encontros que tecer ese "consenso" en torno a quen opte á Presidencia "non é incompatible" coa celebración de primarias. "Nós os tres -di o rexedor de Compostela- vimos de experiencias nas que, sendo candidatos de consenso, nos sometemos ás primarias", resalta, polo que, di, cabería a posibilidade desa "ratificación" nas urnas e, no mesmo proceso, a elección en primarias do resto das listas. Sobre a candidatura de En Marea pronunciábase tamén este xoves dende a Arxentina, a través dun comunicado, o histórico nacionalista Francisco Lores, no seu caso reivindicando a Xosé Manuel Beiras como "o mellor dirixente para encabezar a lista".

Así as cousas, os rexedores e as diversas plataformas municipais agardan desbrozar o terreo cara á confluencia tras unha semana que, din as fontes consultadas por este diario, serviu para, en boa medida, "pacificar" as tensións latentes dende antes das eleccións xerais do 26 de xuño, esencialmente entre os partidos de En Marea e de sectores destes a respecto do proceso das Mareas en Común. Neste escenario, indican as mesmas fontes, o ritmo e posición que adopte Podemos Galicia a respecto das candidaturas e da confluencia mesma preséntase como determinante mentres medran as voces que chaman a acelerar as datas. Nesta liña, Ferreiro advirte de que "sería bo" que "houbese unha certeza antes do día 30" sobre o posible candidato de consenso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.