Empresas públicas como Seaga e Tragsa subcontratan sen control a metade do que lles encarga a Xunta

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

O Goberno galego encarga demasiados traballos que deberían facer os seus propios funcionarios a determinadas empresas públicas, que á súa vez subcontratan a metade do encargado, perdendo así a Administración o control directo de tarefas que debería asumir ela mesma. Como consecuencia dese mal uso, empregados desas empresas públicas acaban sendo incorporados por sentenzas xudiciais á propia Administración sen pasar por procesos de selección tan estrictos como os que teñen que superar os funcionarios. Así o critica o Consello de Contas, o órgano fiscalizador das administracións galegas, nun dos seu últimos informes, entregados este venres ao Parlamento de Galicia.

Contas critica que o Goberno galego lles fai encomendas de xestión por traballos que debería acometer a propia Administración, o que acabou implicando a conversión en funcionarios de 29 dos seus traballadores só en 2013

Contas analiza as denominadas encomendas de xestión da Xunta, que as administracións poden facer a empresas públicas que dependan delas cando deben afrontar unha tarefa para a que non contan con suficientes recursos. As empresas públicas Seaga e Tragsa, a primeira de titularidade autonómica e a segunda estatal, ambas especializadas en obras públicas ou traballos rurais, como o reforzo da loita contra os lumes, son as dúas máis coñecidas. Contas analizou as encomendas de xestión realizadas pola Xunta en 2013, un total de 177 por un importe total de 70,66 millóns de euros, equivalentes ao 0,7% do seu gasto total non financeiro, e a metade corresponderon á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Segundo o ente fiscalizador, “as entidades encomendatarias subcontratan máis do 50% da prestación, o que pode cuestionar a súa idoneidade para levar a cabo a prestación obxecto da encomenda”. Ademais, Contas censura que “con carácter xeral, non se realizan controis polos encomendantes sobre a subcontratación” nin “consta nos expedientes das encomendas unha análise que xustifique a elección deste recurso de xestión como a solución economicamente máis vantaxosa”.

A Xunta non supervisa as subcontratacións que fan as empresas públicas nin xustifica que sexa máis barato encargarlles eses traballos que facelos ela mesma

O ente fiscalizador di que o uso que fai a Xunta das encomendas supón a “satisfacción de necesidades de carácter permanente derivadas de insuficiencias estruturais dos cadros de persoal” da propia Administración. Ao asumir os empregados desas empresas públicas traballos que correspondería realizar aos funcionarios, os xulgados están dándolles a razón cando solicitan ser considerados como tales: “En catro destas encomendas [só as analizadas en 2013] esta cesión foi recoñecida polos tribunais de xustiza con declaracion dos traballadores como persoal laboral indefinido dos centros encomendantes”. Contas cuantifica en 29 os empregados desas empresas públicas que só en 2013 acabaron deste xeito conseguindo un posto laboral indefinido na Xunta sen ter que pasar polos procesos de selección máis estritos que teñen que superar os funcionarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.