A Xunta non avalía se as axudas de normalización lingüística funcionan, di o Consello de Contas

O secretario de Política Lingüística e o conselleiro de Educación, nun acto recente © Xunta

A Xunta non comproba se as súas subvencións para a normalización e promoción da lingua galega dan resultado, isto é, se serven ou non para impulsar o idioma propio do país. É unha das conclusións ás que chega un dos informes entregados este venres polo Consello de Contas para o inicio do seu trámite parlamentario, correspondente ao ano 2013. Dentro da análise de diversas liñas de subvencións do Goberno galego do exercicio anterior, o 2012, o organismo fiscalizador detense na Consellería de Cultura e Educación e, dentro desta, en tres liñas de axudas dedicadas á lingua galega que, tras varios recortes -os fondos de normalización descenderon ata un 70%-, sumaban nese ano algo máis de 800.000 euros. Alén das contías, Contas coida que o Executivo non planifica nin comproba o efecto destes fondos.

A primeira liña analizada, de case 300.000 euros, é a dedicada a "asegurar unha oferta de materiais didácticos curriculares en lingua galega" no ensino universitario, a cuxa convocatoria obriga a lei do libro e da lectura do ano 2006. Malia a que, con diferentes modalidades, estas axudas existen dende hai "tres decenios", sinala o informe, nos expedientes das subvencións "non sei fai referencia a ningunha avaliación sobre a consecución dos obxectivos perseguidos coas mesmas, nin tampouco constan estudos ou informes da valoración do impacto destas axudas".

Esta advertencia, resalta Contas, xa lle foi trasmitida á propia Consellería -na altura dirixida por Jesús Vázquez- con informes nos que órganos da propia Xunta expresaron "reparos na fase de aprobación das bases" das subvencións, "referidos á necesidade de xustificación da avaliación de resultados" e, no caso concreto deste ano, do carácter "retroactivo" das axudas, xa que permitían financiar obras editadas en 2010, ano no que o Goberno non convocou os subsidios.

"Non se fai referencia a ningunha avaliación sobre a consecución dos obxectivos perseguidos nin constan informes do impacto das axudas"

Neses informes, resalta o organismo, tamén se puña o acento en que os criterios para adxudicar os fondos son "escasamente obxectivos", xa que algúns "só poden valorarse a posteriori", como a calidade lingüística, e outros teñen "valoración dificilmente obxectivable", caso do "tratamento de valores democráticos". Onde Contas non achega advertencia ningunha, non obstante, é na xustificación das axudas por parte das empresas beneficiadas, formuladas "no prazo e forma esixida".

A falta de avaliación do impacto acadado advírtea tamén Contas nas outras dúas ordes de subvencións á lingua galega que analiza no seu informe. Así, nas axudas a grandes proxectos editoriais e á tradución de obras reproduce literalmente que os expedientes non fan "referencia a ningunha avaliación sobre a consecución dos obxectivos perseguidos" e, igualmente, considera "escasamente obxectivos" os criterios de concesión.

Axudas á normalización en patronal e sindicatos

No mesmo sentido se expresa o Consello no outro paquete de axudas analizado, os convenios para a "colaboración de entidades representativas" en "actuacións de normalizacións lingüística". Baixo este epígrafe atópanse as axudas entregadas neste eido, mediante convenios, á patronal e varios sindicatos. Nomeadamente, neste ano 2012 a Confederación de Empresarios de Galicia recibiu 50.100 euros e os sindicatos UGT, CC.OO., CIG, CSI-F e ANPE, cadanseus 3.000 euros

O propio Consello reflicte que a Xunta aplicou neses anos severos recortes a estas achegas -de 444.000 a 112.000 euros- pero, no entanto, malia ás restricións orzamentarias non foi realizado "un seguimento da incidencia" que estas axudas "tiveron na formación lingüística dos beneficiarios" nin consta nos documentos "se os obxectivos que se perseguen se están cumprindo". Ademais, Contas agrega outro reparo a respecto do propio procedemento: non están "acreditadas" ningunha das razóns permitidas pola lei de subvencións para que estas achegas se realizasen a patronal e sindicatos de forma "directa", unha vía "excepcional", e non pola vía da concorrencia competitiva.

Malia figurar "como esixencia" nas bases, Política Lingüística non fixo informes de avaliación sobre a "incidencia efectiva na dinamización da lingua" destas achegas económicas

Á hora da xustificación, as entidades presentaron diversos documentos, como facturas e nóminas do persoal dos seus servizos de normalización lingüística -no caso da CEG, como informou Praza.gal, este servizo pechou en canto cesaron as subvencións-. Aínda que nos propios convenios asinados "figura como esixencia" que a Subdirección Xeral de Política Lingüística realizase "unha avaliación das actividades obxecto do convenio" e da "súa incidencia efectiva na dinamización da lingua", esa valoración nunca se fixo.

Malia que, como é preceptivo, a Xunta presentou alegacións ás advertencias de Contas, a versión gobernamental non mudou os reparos do ente fiscalizador. Así, por exemplo, a Xunta asegura que estas axudas se abeiran no Plan Estratéxico de Galicia e que, polo tanto, si responden a unha planificación determinada. Igualmente, a Consellería defende que existe un claro impacto de axudas como as destinadas á edición de materiais curriculares en lingua galega, pero "non se achegan os estudos de resultados que debe elaborar para xustificar as sucesivas convocatorias", resalta Contas. A análise de Contas non atinxe, así e todo, a unha das liñas de axudas máis cuantiosas no eido da lingua galega, como son as destinadas aos medios de comunicación.

O conselleiro maior de Contas entrégalle os informes ao presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.