Santos reitera a "promesa" de que a militancia de Podemos Galicia poida "votar ir en solitario" ás eleccións

Asemblea de Podemos Galicia na Coruña, este sábado CC-BY-SA Podemos Galicia

O xeito en que Podemos Galicia concorra ás eleccións galegas será decidido nunha "consulta" á militancia. É a "promesa" que a secretaria xeral do partido, Carmen Santos, reiterou no inicio das súas asembleas provinciais, que este sábado comezaron na Coruña e Lugo e continuarán o domingo en Ourense e Vigo. Vinte e catro horas despois de participar na rolda de xuntanzas impulsadas polos alcaldes das mareas Santos mantén que ter "abertos" todos os "espazos" de diálogo co resto de forzas non é contraditorio con esa votación na que, evidencia, unha das posibilidades é que Podemos se desligue das alianzas que veu mantendo no país, aínda que esa non sexa a opción que defenda a dirección.

Despois das tensións internas das últimas semanas, que derivaron o pasado luns en tres destitucións no consello de coordinación do partido -o equivalente á executiva-, Santos e o seu equipo resaltan que a intención dos encontros provinciais e mais da consulta posterior non é outra que "construír unha alternativa ao PP en Galicia", e serán "os inscritos e inscritas" quen "van decidir" a fórmula de concorrencia. "Máis alá do que pensemos a maioría -afirmou en declaracións á prensa na Coruña-, hai unha promesa", e por iso "daríase opción de que nesa consulta se poida votar ir Podemos en solitario".

A concorrencia en solitario "é unha posibilidade existente" aínda que non sexa a defendida pola dirección, asegura Santos

O que resulte desa votación "vaise respectar", di, polo que a concorrencia en solitario "é unha posibilidade existente", sinala. A relación co resto de forzas e, nomeadamente, o resultado das xuntanzas cos alcaldes e mais con Anova e EU foi exposta pola propia secretaria xeral ante o centenar de persoas que acudiu á asemblea da Coruña, que en grupos de traballo analizaron propostas como os modelos de confluencia e primarias ou o xeito de abordar o programa electoral "colaborativo". Esas iniciativas serán recompiladas tamén nas outras tres asembleas provinciais cara ao conclave galego.

O proceso interno do partido, aseguraba Santos este venres, non "colisiona" coas negociacións para "seguir avanzando na folla de ruta común" cos socios de En Marea e as plataformas municipais. "Queremos seguir tendendo pontes", afirma, se ben coida que "non hai ningunha dúbida de que Podemos ten un papel central e fundamental en calquera cambio no noso país, igual que consideramos que os nosos socios e aliados son valiosísimos".

Podemos Galicia celebra esta fin de semana as súas asembleas provinciais

Se, finalmente, a decisión de Podemos Galicia é recuncar na confluencia, outras decisións pendentes pasan pola súa posición sobre a fórmula xurídica da candidatura electoral e a respecto da persoa que opte á Presidencia da Xunta. Estas cuestións, así como o lanzamento do proceso de elaboración do programa electoral, son as que os alcaldes e as mareas municipais reunidas durante esta semana prevén abordar na asemblea "constituínte" prevista para finais de mes -moi probablemente, celebrarase o día 30 con Vigo como previsible escenario-. 

Segunda xuntanza do Foro Galego

Este sábado celebrouse tamén, no seu caso en Santiago, a segunda xuntanza doutra das organizacións participantes na rolda de contactos cos alcaldes, o Foro Galego, que agrupa persoas fundamentalmente do ámbito do nacionalismo, algunhas delas antigas integrantes do BNG. Entre as "propostas básicas" xurdidas dos debates desta segunda asemblea, resaltan, está o "chamamento a unha marea participativa" que articule candidaturas mediante "primarias abertas, adscrición individual e censo dende cero para fuxir das dinámicas de grupo e colocar a unidade de acción como interese común".

Foro Galego "cre oportuno" participar na asemblea das mareas prevista para fin de mes

Así as cousas, Foro Galego "cre oportuno" que os seus membros participen na asemblea prevista polas mareas a final de mes. Alí, din, defenderán "a necesidade de dotar de alma galega a candidatura de unidade popular que, como expresión electoral do suxeito político galego, poida protagonizar a derrota do PP na Xunta", afirman. Asemade, "independentemente do esceanrio aberto tras as autonómicas", aseguran ver a "necesidade" dunha "reconfiguración do espazo nacional galego para unha lectura madura da Galicia do século XXI".

Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia CC-BY-SA Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.