A "marea constituínte" para as eleccións galegas, en Vigo e de "adscrición individual"

Noriega, Ferreiro e Suárez, en rolda de prensa na sede da Marea Atlántica, este luns CC-BY-SA Compostela Aberta

Despexada unha das principais incógnitas a respecto da conformación das candidatura das mareas para as eleccións galegas e, nomeadamente, sobre a asemblea na que estas formacións lanzarán os seus procesos de primarias e conformación de programa electoral o vindeiro día 30 en Vigo. Os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol veñen de pechar a súa rolda de contactos coas plataformas municipais e mais coas forzas políticas que conformaron a coalición En Marea e anuncian que, tras esas conversas, a decisión pasa por que a participación nese encontro "constituínte" sexa mediante "adscrición individual", isto é, non en representación de forzas xa existentes. Producirase así, aseguran, "o inicio dun nacemento dun suxeito político que dure", en verbas de Jorge Suárez.

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez deron conta este luns en rolda de prensa na Coruña das liñas mestras do tratado nas conversas nas que, segundo Ferreiro, "o retorno foi extremadamente positivo". Os participantes neses encontros, debulla, encomendáronlles aos alcaldes que sexan eles quen propoñan os nomes para a formación dunha "comisión xestora" que durante as vindeiras dúas semanas terá dúas funcións: "facilitar a intendencia da marea constituínte do día 30" e, ao tempo, "facilitar a negociación" sobre os documentos que se debaterán nesa asemblea, en cuxa base estarán os textos xa elaborados polas Mareas en Común.

Unha "comisión xestora" proposta polos alcaldes das cidades organizará a asemblea do día 30

As regras da conformación das candidaturas e das primarias, "a forma de goberno" e a "conformación do programa electoral", di o alcalde coruñés, serán os aspectos que cumprirá acordar mediante a introdución "das modificacións que sexan pertinentes" nos textos de Mareas en Común. Con esa finalidade, di, na comisión xestora -cuxa composición se coñecerá este martes- non haberá "cotas" dos partidos ou das mareas locais, senón que se procurará que quen a compoñan sexan "persoas de consenso", din.

Un dos aspectos a modificar, avanzan os alcaldes, será o "cronograma" fixado no regulamento de primarias elaborado nas Mareas en Común que, entre outros aspectos, fixa case mes e medio para todo o proceso. "Teremos que adaptalo aos tempos que temos", resume Ferreiro, quen admite que o procedemento, no caso das candidaturas, podería varias en función de "se hai unha persoa ou varias que poidan optar á cabeza de lista", á Presidencia da Xunta. "Imos necesitando certezas" e xeito de logralas, di, sería "ter unha persoa que reúna o máximo consenso". E "se pode ser antes do día 30, sería bo". En calquera caso, esa "é unha posibilidade que non hai que desbotar nin forzar", o que non impide que os alcaldes a consideren como "ideal", asegura.

Os rexedores coidan que "sería bo" que o "consenso" en torno á candidatura á Presidencia se tecese "antes" do encontro

A este respecto, e preguntados novamente pola súa opinión a respecto de que o maxistrado Luís Villares fose esa figura "de consenso", Ferreiro, Noriega e Suárez reiteran que non lles "corresponde" o labor de "sinalar candidatos". "Luís é unha persoa marabillosa, como outras moitas" e "moitos dos nomes que saen son perfectamente válidos". "Só pedimos consenso, que non convirtamos a candidatura nun elemento de división", resalta o alcalde coruñés.

Podemos Galicia reiterou a fin de semana que unha das opcións que poderán votar as súas bases será concorrer "en solitario"

Neste escenario, unha parte do proceso impulsado polos alcaldes volve dirixir a ollada cara a Podemos Galicia, que a pasada fin de semana celebrou os seus encontros provinciais tras os que a súa secretaria xeral, Carmen Santos, explicou que nesas xuntanzas se "escoitou ás bases" para coñecer "cales son as liñas vermellas para poder seguir traballando no proxecto de En Marea, que sobre todo se van basear en cuestións de programa e posicións políticas". Esa recolleita, resaltou, é o paso previo á "decisión final sobre a forma de concorrer ás eleccións", que "será a que determinen as bases" nunha votación na que participar "en solitario" será unha das opcións.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.