O Estado nega ao Concello de Teo unha axuda de 3 millóns por presentar un informe en galego

Rafael Sisto e Uxía Lemus, este martes en rolda de prensa © Concello de Teo

O Concello de Teo, lindeiro con Santiago, tramita dende hai meses ante o Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, un proxecto para renovar o alumeado público municipal. Tratábase, nomeadamente, de que a entidade estatal outorgase un préstamo de 3,27 millóns de euros sen xuros para investir en equipamentos de alumeado que, calcula o goberno local, unha coalición de Anova e PSdeG, lles permitiría aforrar "máis dun 70% en consumo eléctrico". O IDAE non puxo reparo técnico ningún ao proxecto pero, así e todo, tombouno. A razón é que un dos diversos informes presentados polo Concello teense estaba redactado en galego.

O alcalde, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, debullaron este martes en rolda de prensa o que consideran "un escándalo", alén dunha "grave vulneración dos dereitos lingüísticos". Atendendo ás bases das axudas, detallaron, o Concello remitiu a Madrid "toda a documentación en castelán", incluíndo traducións de acordos plenarios e outros documentos. No entanto, entre eles figuraba un informe no que a Intervención Municipal "confirma que o Concello reúne as condicións financeiras necesarias" para participar nesta convocatoria. Ese informe si estaba en galego, e foi dabondo para tombar todo o proceso.

O goberno local aclara que achegou unha tradución do informe ao castelán cando foi apercibido

Cando o IDAE advertiu ao Concello de que non seguiría adiante coa axuda por este motivo, o goberno teense "presentou alegacións" que, datadas no pasado 17 de xuño, "incorporaban o documento traducido ao castelán", razoando ademais "por vía administrativa que se trataba dun defecto subsanable". "O goberno de Teo recoñece que as bases da convocatoria establecen que a documentación ten que entregarse en castelán -din-, pero en ningún caso fixan que a utilización dun idioma cooficial do Estado sexa razón de desestimación definitiva, como si o sería que non se achegase algún documento".

"É un escándalo e unha grave vulneración dos dereitos lingüísticos", di o alcalde

No entanto, o pasado 11 de xullo chegou a Teo unha nova negativa do IDAE. Nela, explican Sisto e Lemus, o departamento estatal "chega a afirmar que o Concello ignorou as bases da convocatoria" dun xeito "que no puede entenderse como un comportamiento que responda a una razonable duda del solicitante acerca del significado o alcance de lo dispuesto en las bases, sino más bien como una 'resistencia' a la observancia de tal previsión", xustifica. "Se isto fose unha cuestión de resistencia mandaríamos todos os documentos en galego", ironiza o alcalde, en cuxa opinión o Goberno de España "aproveita unha cuestión menor para crear un problema, utilizando a institución para confrontar con outras institucións democráticas a partir dos seus prexuízos ideolóxicos", di. "Estamos ante unha burla e ante unha escusa esaxerada para retirarnos recursos", engade Lemus.

O IDAE acusa o Concello teense de usar o galego por "resistencia"

Así as cousas, o goberno local de Teo asegura que se dispón a "esgotar todas as vías administrativas para defender o proxecto" e, ao tempo, procurará "despregar unha batería de iniciativas políticas" ao respecto, a comezar por pedir unha entrevista co conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística, ademais de "contactar cos grupos políticos do Parlamento e as Cortes Xerais" e mais coa Mesa pola Normalización Lingüística. Igualmente, Anova e PSdeG defenderán no pleno municipal unha moción para "rexeitar a actuación" do IDAE, "por chocar frontalmente co principio constitucional de non discriminación por razón do idioma", así como para esixir a dimisión dos responsables do IDAE a comezar polo seu presidente, Alberto Nadal. Praza.gal tentou coñecer a versión do IDAE a respecto do acontecido sen que, polo momento, existise resposta.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.