O IDAE admite que empresas presenten en galego os papeis que esixe en castelán aos concellos

Bases das axudas para institucións públicas (esquerda) e orde de axudas para empresas, publicada o mesmo día (esquerda) CC-BY-SA Praza Pública

No Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, hai alguén que entende as linguas oficiais diferentes do castelán. Ou, cando menos, existen departamentos capaces de tramitar documentos redactados en galego, euskera ou catalán. Non en van, o organismo estatal contempla en varias ordes de axudas dirixidas a empresas privadas e persoas físicas a posibilidade de aceptar documentos nestes idiomas, exactamente os mesmos que rexeita se son presentados por concellos, caso dos de Santiago e Teo, aos que lles vén de negar senllos préstamos de 3,27 e 1,5 millóns de euros por incluíren, en senllas solicitudes en castelán, cadanseu informe da intervención municipal redactado en galego, cuxa tradución ao castelán achegaron no período de alegacións.

O 5 de maio de 2015 o IDAE publicou no BOE varias convocatorias de axudas. Entre elas, a destinada a axudar os concellos a renovar o seu alumeado público con criterios de eficiencia enerxética. A base décima da orde dirixida aos concellos estipúlase, de xeito xenérico, que "a solicitude e a documentación a achegar coa mesma deberán presentarse en castelán". No entanto, o criterio a respecto da documentación oficial é moito máis flexible noutras dúas convocatorias de axudas difundidas no BOE ese mesmo día, dirixidas a empresas e á cidadanía en xeral.

Así, na resolución sobre as axudas para a eficiencia enerxénticas en PEMES e grandes empresas industriais, a base décima establece igualmente que "a solicitude e a documentación a achegar se fará en castelán", pero cunha excepción. "A documentación de carácter oficial que poida expedir unha administración pública en relación coas tramitacións que lle competan poderá estar en calquera das linguas cooficiais do Estado". Así, unha compañía privada pode presentar en galego, euskera ou catalán documentos semellantes aos vetados aos concellos se non están redactados en castelán.

O organismo estatal considera que Santiago e Teo enviaron un informe en galego por "resistencia"

O mesmo sucede con outras dúas ordes de axudas difundidas esa xornada, destinadas a promover a eficiencia enerxética no transporte entre empresas e particulares e na rehabilitación de edificios. En ambas convocatorias e con redaccións practicamente idénticas o IDAE esixe o castelán para a solicitude e os documentos "agás na documentación emitida por unha Administración ou organismo oficial, que será admitida en calquera das linguas oficiais do Estado". Así as cousas, o que para os concellos é considerado pola entidade estatal un acto de "resistencia", para persoas físicas e xurídicas considérase un trámite ordinario.

Nas convocatorias destinadas a empresas e particulares o IDAE esixe documentación en castelán "agás a emitida por un organismo oficial, que será admitida en calquera das linguas oficiais do Estado"

Nas bases do programa que o IDAE lle nega a Santiago e Teo establécese ademais que as Administracións solicitantes dispoñen dun prazo para subsanar erros nas súas solicituades. Así, detalla, "se na documentacióna chegada se observasen defectos ou omisións subsanables, deficiencias de carácter técnico ou se necesitase documentación técnica complementaria", o propio IDAE a "requerirá" nun prazo de quince días. No entanto, "non será subsanable a falta de achega de calquera dos documentos aos que se refire o apartado cinco", entre os que figura o informe de intervención. Así, a entidade dependente de Industria considera que non existe o informe en galego que si admite noutras convocatorias. Este diario dirixiuse ao IDAE para coñecer a súa postura ao respecto sen obter, polo momento, resposta ningunha.

Alberto Nadal, secretario de Estado de Enerxía e presidente do IDAE © FAES

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.