- Beiras, na coordinadora provisional
- Podemos Galicia mantén distancias coa Marea, mentres que Iglesias a aplaude
A Marea será definitivamente un partido instrumental para a loita pola presidencia da Xunta de Galicia. Así o decidiu este sábado no Auditorio Mar de Vigo a súa asemblea constituínte por ampla maioría, nun encontro no que os denominados alcaldes do cambio produto de mareas locais e os líderes de Esquerda Unida ou Anova, entre outros, chamaron á unidade. Apelación que ten como principal destinatario a Podemos, pendente de decidir se concorre en solitario ás eleccións autonómicas do outono ou participa dalgún xeito nunha candidatura conxunta coa nova Marea.
A asemblea constituínte de Vigo crea a nova formación, cuxo candidato será elixido de xeito directo polas bases e na que o resto das listas poderán ser consensuadas
O manifesto co que os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro; Santiago, Martiño Noriega; e Ferrol, Jorge Suárez, convocaron a asemblea deste sábado colleitara máis de 2.500 apoios e unhas mil persoas acudiron finalmente ao encontro en Vigo. Nel, ademais de decidirse a creación do partido instrumental, de participación individual, aprobouse o sistema de elaboración das listas. Os candidatos da nova Marea elixiranse a través dunhas primarias que deberán durar menos de tres semanas e nas que por un lado se elixirán as listas de cada provincia e por outro o candidato á presidencia da Xunta. Na votación das primeiras participarán os inscritos en cada provincia en cuestión, mentres que o segundo será elixido de xeito directo a nivel de toda Galicia.
Ademais, as listas provinciais que se presenten poderán ser de consenso pero a súa elección será aberta. Isto é, poderán estar formadas por persoas procedentes das distintas formacións políticas e movementos sociais que participan no proceso pero cada votante poderá outorgar ou non os seus votos de xeito individual a cada nome desa lista. Logo estableceranse correccións de xénero para garantir a paridade. Sobre o candidato á presidencia, o nome do maxistrado do TSXG Luis Villares volveu pairar sobre o encontro deste sábado en preguntas aos seus principais impulsores. Estes insistiron en eloxiar a súa figura pero en asegurar que podería ser calquera outro nome.
Os líderes da Marea apelan á unidade á espera de coñecer o resultado da consulta que Podemos Galicia realizará entre os seus simpatizantes para decidir se se suman dalgún xeito a unha candidatura conxunta
Concretada a forma de partido instrumental e o sistema de elección dos candidatos, queda aínda no aire a participación de Podemos neste proceso. Na Marea Constituínte deste sábado participa a secretaria xeral galega, Carmen Santos, pero coa advertencia de que serán os seus simpatizantes os que decidan, a través dunha elección telemática que rematará aínda o martes, se Podemos Galicia concorrerá ás autonómicas en solitario ou “en alianza electoral” coas forzas impulsoras da marea. Este venres, nunha asemblea en Santiago, unha votación “non oficial” deu 192 votos á primeira opción e 36 á segunda, que non explicita a participación no partido instrumental e o uso dunha única marca electoral. O acordado este sábado en Vigo tamén deixaría aberta a posibilidade de que o partido instrumental Marea puidese concorrer ás eleccións en coalición con Podemos, unha opción que non é a desexada polos impulsores da Marea, que prefiren unha única marca.
Na asemblea de Vigo estiveron presentes boa parte dos deputados autonómicos de AGE e estatais de En Marea así como outras caras coñecidas da esquerda nacionalista, como Carlos Aymerich, que fora voceiro parlamentario do BNG, a súa compañeira de bancada Ana Luisa Bouza, o ex-senador do BNG e logo membro de Compromiso por Galicia Xosé Manuel Pérez Bouza, ou a deputada de Cerna no Parlamento de Galicia Chelo Martínez.