Os prazos das eleccións: Xa podes solicitar o voto por correo

Calendario do voto por correo CC-BY-SA Praza Pública

A promulgación do decreto de disolución do Parlamento e de convocatoria das eleccións do 25 de setembro provoca, alén do evidente lanzamento formal da precampaña electoral, o inicio de todos os prazos legais para os comicios, tanto para o electorado como para as forzas políticas. Os que máis directamente afectan ao conxunto da cidadanía son os relacionados co censo electoral e, sobre todo, co voto por correo, cuxa solicitude xa pode ser tramitada dende este 2 de agosto.

Aínda que a Xunta aínda non informou formalmente ao respecto -o Goberno Vasco, no entanto, habilitou inmediatamente despois da convocatoria, unha primeira web informativa sobre o proceso electoral- nin puxo en marcha, polo momento, o sitio de internet que inclúe o contrato do dispositivo electoral, dende este 2 de agosto tamén comezan a correr os prazos para solicitar o voto postal das persoas doentes ou con discapacidade que precisen dunha autorización notarial para exercer o seu dereito, así como as solicitudes de voto do persoal embarcado e, sobre todo, o voto das persoas residentes temporal ou permanentemente no estranxeiro.

Dende este martes corre tamén o prazo de solicitude de voto para o electorado que reside no estranxeiro

No caso das persoas censadas en Galicia pero que viven temporalmente fóra, as inscricións consulares como "non residente" e a propia solicitude de voto poden formularse entre o 2 e o 27 de agosto. Do 30 de agosto ao 5 de setembro debería serlle remitida a documentación electoral, que o electorado debe enviar antes do día 21 de volta a Galicia. Para os alcumados como residentes ausentes -o voto CERA-, este 2 de agosto é tamén o primeiro día para pedir o voto rogado.

Candidaturas e veto ao 'autobombo' da Xunta

Os prazos xa están en marcha para o electorado, pero tamén para as forzas políticas. O adianto electoral provoca que entre o 17 e o 22 de agosto os partidos e coalicións teñan que presentar as súas candidaturas nas correspondentes Xuntas Electorais. Entre os días 27 e 28 os partidos terán que subsanar as irregularidades que se detectasen na súas listas, que serán proclamadas definitivamente o día 29 e a continuación, publicará o Diario Oficial de Galicia. 

A campaña electoral comeza o 9 de setembro e dende o día 20 dese mes fica prohibido difundir sondaxes

Ao estar xa convocadas as eleccións o Goberno galego ten xa prohibido, en virtude da lei electoral, realizar campañas institucionais, difusión de propaganda ou organización de actos encamiñados a divulgar logros do propio Executivo, isto é, de 'autobombo'. Igualmente, tampouco poden ser organizados actos inaugurais de infraestruturas ou servizos, o que non impide que se poñan en funcionamento de xeito ordinario. As forzas políticas, pola súa banda, non poden facer propaganda electoral nos medios de comunicación nin pedir o voto ata as cero horas do 9 de setembro, cando comeza a campaña electoral. Dende o 20 de setembro estará prohibida a difusión de sondaxes.

Unha vez celebradas as eleccións e realizado o reconto provisional, as xuntas electorais realizarán o escrutinio definitivo e os 75 membros do novo Parlamento serán proclamados como deputados e deputadas. Tal e como estipula o decreto ditado polo presidente da Xunta, a Cámara galega constituirase en sesión plenaria o vindeiro 21 de outubro, exactamente catro anos despois das anteriores eleccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.